Skip to main content
A Pobra do Brollón

Xa está en vigor a nova ordenanza municipal que regula os furanchos na Pobra do Brollón

Por 16 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Dende o primeiro día deste mes de xaneiro, está en vigor unha ordenanza para regular a apertura de furanchos no municipio da Pobra do Brollón.

Os furanchos son establecementos para a venta de excedente de viño e a súa apertura está regulada por unha lei autonómica que impón unha serie de condicións. Ademais desta lei autonómica, os Concellos deben habilitar esta opción mediante ordenanza municipal.

A ordenanza municipal do Concello da Pobra do Brollón aprobouse o pasado 28 de outubro e xa está en vigor trala publicación no BOP e no DOG.

CONDICIÓNS
“Realmente hai pouca marxe de regulación para os Concellos e a ordenanza é case igual á lei autonómica,” explica o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

Non pode abrir un furancho calquera persoa, senón que debe ser un viticultor con viñas rexistradas no rexistro vitícola de Galicia. A superficie das viñas en propiedade determinará a cantidade de viño que cada viticultor pode vender ao ano.

Tampouco se pode abrir durante todo o ano senón que está limitado ao período de xaneiro ata xuño, podendo ampliar excepcionalmente ao mes de xullo. Entre agosto e fin de ano os establecementos deben estar pechados.

Os locais, a corresponder con lugares de elaboración ou almacenaxe de viño, tamén deben cumprir unha serie de condicións para a apertura e cumprir cuns requisitos administrativos.

As tapas que se poden servir están limitadas a unha listaxe recollida na lei autonómica e a ordenanza municipal entre as que o propietario debe escoller ao rexistrar o furancho.