Skip to main content
Quiroga

Catro parcelas á venda no parque empresarial de Quiroga

Por 5 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A xestora do polígono industrial de Quiroga, Xestur, publicou a dispoñibilidade de catro parcelas no parque empresarial de Quiroga. Tres delas cunha superficie de 652 m²e outra de 701 m². As catro están a venda por 20,50 euros por metro cadrado.

No pasado mes de xullo o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución pola que se anunciaba un novo concurso de venda de solo empresarial con bonificacións de ata o 50% nos parques que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). No caso do polígono industrial de Quiroga, estaban á venda nove parcelas que se estenden por unha superficie de 6.401 metros cadrados.

Na actualidade, son catro as parcelas dispoñibles no parque empresarial da comarca quiroguesa que dispón dunha superficie total de preto de 11 hectáreas, das que 7 (71.555 m²) están ocupados por parcelas.

Ante a carencia de solo industrial no municipio, o 5 de setembro de 1992, o Instituto Galego da Vivenda e o Solo e o Concello de Quiroga asinaron un convenio para a promoción dunha actuación urbanística a carón da estrada N-120. A creación do parque empresarial pretendía, por unha banda permitir a localización ordenada de actividades de servizos que se situaban de forma aleatoria, e por outra banda ofertar solo industrial en relación con establecementos industriais xa asentados no municipio, e facer solo adecuado para novas iniciativas empresariais.