Skip to main content
Quiroga

Quiroga aprobou en Xunta de Goberno continuar adherido ao convenio cos GES

Por 8 Xaneiro, 2022Xaneiro 9th, 2022Sin comentarios

O Concello de Quiroga aprobou este venres, en Xunta de Goberno, adherirse ao Convenio de Colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as Deputacións Provinciais da Coruña e Lugo, en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES).

Segundo este convenio, Xunta e Deputación acordan apoiar a función dos GES que ven a complementar a atención das emerxencias e extinción de incendios forestais xunto cos parques de bombeiros, de forma que cubrirán zonas desprovistas de servizos de emerxencias nun ámbito de actuación superior á municipal.

O Concello de Quiroga únese a este convenio coa intención de prestar un servizo público á cidadanía que de seguridade en lugares públicos en materia de protección civil e extinción de incendios.

Os GES de Quiroga, que se enmarcan na zona de Quiroga – Terra de Lemos contarán cunha sede no municipio quirogués con seis efectivos – ao igual que ata o de agora -, posto que é unha base compartida con outros seis efectivos con sede no Courel.

Este servizo, segundo o convenio asinado, estará financiado nun 52´5 % a través da Xunta de Galicia, nun 40 % a través da Deputación provincial e nun 7´5 % con cargo ao propio concello.