Skip to main content
Quiroga

Arte no Ar de Quiroga pon en valor a arte urbana que forma parte do Concello

Por 23 Xaneiro, 2022Xaneiro 24th, 2022Sin comentarios

Cando a arte urbana chegou a Quiroga foi para quedarse, arraigarse ás raíces e formar parte do seu contexto. A ruta que recorre os murais cos que conta a vila de Quiroga xa ten nome: “Arte no Ar”. Ademais ten tamén un folleto que o Concello de Quiroga acaba de sacar e no que se poden ver un mapa no que están sinalizados os murais, os museos e os lapis da cultura, ilustrado con fotografías destas manifestacións artísticas de altura e cunha pequena sinopse de cada unha delas.

O folleto inclúe dous códigos QR que permiten seguir a ruta a través das plataformas de internet wikiloc e google maps. Estes códigos permitirán tamén ver en tempo real si se engade algunha obra máis nalgún momento.

Na creación da Arte no Ar de Quiroga foron moitos os involucrados para que este proxecto de manifestacións artísticas se levara a cabo en varios edificios da vila: a asociación cultural Quiroga en Marcha, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Quiroga.

A ruta parte dende a Oficina de Turismo situada no edificio da Casa da Cultura, no mesmo edificio no que se atopa o primeiro Lapis da Cultura (2021) realizados polo salmantino Felipe Piñuela. Estes lapis pretenden poñer en valor a cultura literaria quiroguesa cos nomes de importantes escritores vinculados ao noso municipio.

A seguinte parada sitúase no entronque da rúa Real coa rúa San Martiño de Abaixo, no mural de Joseba Muruzábal, da “súper avoa vendimadora” (2020). Este mural forma parte da serie “superavoas” que este artista plasmou por toda Galicia, representando á muller rural que realiza labores no campo ata os oitenta anos cunha enerxía e condición física sorprendente.

No cruce da rúa Lago atópase o mural de máis recente creación “A peregrina do Camiño de Inverno” (2021). Neste mural Mon Devane representa a unha peregrina, coas pautas cromáticas que o caracterizan, evidenciando a importancia que ten esta ruta Xacobea para Quiroga.

A ruta levará aos visitantes ata a praza Maior onde nun lateral dun edificio da rúa Calvo Sotelo se atopa o mural de Germán González. unha “Alvariza” (2020). Nesta obra, na que non falta un oso merodeando para buscar mel, ponse en valor un dos produtos típicos da zona.

Continuando o camiño pasarase polo Museo Xeolóxico antes de dirixirse ao seguinte mural, “Xove na beira da auga” (2021). Con esta obra, o seu autor Iván Floro – Van Vuu, quere evocar, co seu estilo impresionista, o sentimento da Ribeira Sacra a través dunha moza ao lado dun río.

Na praza España, realizado por Pablo López Sanjurjo, pode contemplarse á escritora galega “Rosalía de Castro” (2021). Un retrato que serve para dar voz a cuestións tan de actualidade hoxe en día como os dereitos das mulleres, a defensa do galego ou a denuncia da emigración.

En dirección ao centro de saúde atópase outro dos murais, realizado polo quirogués José Luís Lemos, unhas flores enmarcan o título de “Bésame en esta esquina” (2021). A partir desta frase o autor propón un espazo agradable e romántico para bicarse.

Nunha fachada do Pavillón Municipal Abi Castillo baixo o título de “Sororidade” (2020) plasmou dúas mulleres. Representa a solidaridade entre as mulleres nun contexto de discriminación sexual e violencia patriarcal en conmemoración do Día Internacional da Muller.

Tras pasar polas inmediacións do Centro de Educación Infantil e Primaria, onde se pode ver o muro da praza do Albergue Municipal cunha composición xeométrica de vistosas cores “Escala cromática” (2020); a continuación chegarase ata a fachada do Albergue Municipal. “A lavandeira do Sil” (2015) que se pintou para promover a Ribeira Sacra. Realizado polo artista Miguel Peralta, representa a imaxe dunha aureana ou lavandeira, un ser mitolóxico relacionado coas lendas das sereas dos rios e as mouras. Neste mesmo edificio tamén atopamos outra das series dos lapis da cultura.

E finalmente no Auditorio Municipal está o “Neno coa oliva” (2021). Este mural de Mon Devane quere poñer en relevancia un dos produtos que tanto significa para Quiroga: o aceite.

A ruta remata neste mesmo edificio onde se atopa o Museo Etnográfico de Quiroga.