Skip to main content
Cultura SARRIAXALáncara

Entrevista Darío Piñeiro: “Gústame estar coa xente e o contacto do día a día cos cidadáns”

Por 9 Xaneiro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Láncara é un municipio situado na provincia de Lugo, na comunidade autónoma de Galicia. Pertence á comarca de Sarria e a súa capital municipal é a Pobra de San Xiao.

Conta con 175 entidades de poboación distribuídas en 26 parroquias. Na actualidade conta con 2584 habitantes censados, 1257 mulleres e 1327 homes.

Darío Antonio Piñeiro López é o alcalde deste municipio dende o ano 2015.

Cales son os principais atractivos do concello?
Eu destacaría o tema de natureza e o tema histórico. Os monumentos históricos como o Punto de Carracedo, o Pazo de Láncara, o Pazo de Pobra de San Xiao… Estes son os puntos máis destacados do Concello. Por outra banda, tamén contamos co Río Neira e as áreas recreativas.

A maiores, outra cousa que ten Láncara é que está moi ben comunicada. A Pobra de San Xiao está moi preto de Sarria e moi preto de Lugo.

Fai tempo mencionou a necesidade de fomentar o turismo do Concello sendo este un tema pendente. Fíxose algunha actuación para promover este sector e atraer a turistas? Tivo resultado?
Estamos intentando traballar niso. A principios do ano 2022 sairá publicada unha guía turística.

Vendo a controversia que está tendo o ave e as conexións de Lugo coas demais provincias de Galicia que opinión ten vostede?
Para Láncara foi unha pena quedarse sen tren, eu sempre pensei que tiña que ter pasado por Láncara. Quizais non era o sitio ideal pasar polo casco urbano da Pobra de San Xiao pero tiña que pasar por Láncara. Foi unha pena que os nosos dirixentes deixaran perder eso e, se houbera estado no mandato, houbera loitado por eso, para que pasara por Láncara. Pero unha vez que a perdemos procedemos á compra dos terreos e o aproveitamento dos mesmos.

Con Madrid e co tema da alta velocidade, a verdade é que quedamos un pouco descolgados.

Que aspectos considera que se deben de mellorar na vila?
Vexo moi mala cobertura de internet e hai que mellorala tanto no medio da capitalidade como no medio rural. É unha das cousas pola que nos chama a xente e que xera máis problemas. Sobre todo, na xente nova que quere unha boa conexión xa que, é necesario hoxe en día ter unha boa rede de internet.

Tamén vexo preciso ter boas comunicacións e bos servizos públicos como os saneamentos ou a agua, dous puntos fundamentais nos concellos. Considero que é obrigación dun Concello ofrecer os mellores servizos que faciliten á vida aos seus veciños.

Estes servizos non están mal pero se poden mellorar, sobre todo o tema de internet que é o máis importante.

Que solucións considera que podería haber?
Ten que ser o goberno central e o goberno autonómico o que ten que dar solucións. Os concellos contan con pouca marxe económica para facer as infraestruturas necesarias para iso. Polo tanto, penso que as administracións centrais e autonómicas deberían de poñerse de acordo para dar os medios necesarios que consigan poñer solución a estes problemas.

Que plans de futuro hai para Láncara? Novos proxectos?
Vamos pedir fondos europeos, temos un proxecto para a petición que é bastante ambiciosa e está moi avanzada. Somos dos poucos concellos que temos avanzado este tema. E vamos intentar que estes fondos europeos vaian destinados sobre todo á antiga vía do tren.

Cal foi a actuación que se levou a cabo no Concello coa que sentiu máis satisfacción persoal?
Pois neste momento a actuación máis importante para Láncara é o tema Adif porque son 30.000 m2 de terreo, as edificacións e é un aumento de patrimonio que nunca na historia do Concello se fixo. O pasado 27 de decembro firmouse a ocupación dos terreos. É a actuación que me crea máis satisfacción porque é algo histórico.

Como alcalde, cal foi o maior reto ao que se tivo que afrontar?
O día a día co tema da Covid foi unha situación complicada. Chegabas pola mañá e non sabías que había que facer, estabamos un pouco perdidos. Non había unha comunicación coas administracións públicas fluída, non che daban información, era moi complicado. Era un tema descoñecido no que ninguén sabía por onde tirar. Un tema dos mais complicados que pasamos.

Cal é a súa principal motivación para ser alcalde?
Gústame estar coa xente e o contacto do día a día cos cidadáns. Tanto persoas maiores como novas, sempre me sentín moi a gusto neste senso.

Que ten Láncara para facelo un bo concello para vivir?
Depende do que queira a persoa, pero si quere estar cerca de Lugo en Láncara está cerca de Lugo, porque a Pobra de San Xiao está moi cerquiña da capital de provincia. Está cerca de Sarria tamén e ten unha autovía e un corredor preto. Está ben comunicada. E, despois, se busca tranquilidade estamos no medio rural que está ben dotado de comunicacións, sobre todo terrestres. Ten un entorno paisaxístico precioso, tendo de todo. É dicir, temos montaña, vales… De 1900 metros de altitude pasamos a 400. Depende o que queira pero aquí ten de todo.

Como lle gustaría que fose Láncara nun futuro?
Gustaríame que as aldeas tiveran vida, que non morreran, porque están morrendo. Que volvera a ter vida e ter xente nova nas aldeas que lle proporcionen vitalidade. Actualmente, vense tristes, non tes con que falar, non tes a quen preguntarlle nada nunha aldea por iso, me gustaría que volvera a haber vida nas aldeas. Simplemente que houbera xente e vida.

Cales son os propósitos do alcalde con Láncara de cara ao 2022?
Pois rematar o tema de Adif coa axuda dos Fondos Europeos, intentar conseguir cobertura de internet para todo o medio rural, intentar levar á maioría das aldeas augas dos servizos municipais.

Ten algunha actividade programada polo Nadal ou datas posteriores?
Estamos a vivir un momento complicado no que consideramos que a prudencia é o mellor. Dende o equipo de goberno pensamos que é mellor non facer grandes actividades onde haxa moita xente xunta e priorizamos a prudencia nestes momentos.

Que destacarías do teu mandato?
Cando eu cheguei no 2015, collemos un concello con débeda que vai quedar ao final da lexislatura toda paga. Collemos un Concello cunha débeda que sempre critiquei. Esta veu dun crédito para tapar “baches” e me parece que non se pode pedir un crédito para tapar “baches”, podes facer un crédito para facer obras importantes pero non para tapar “baches”, porque logo ao final tes os “baches” sen tapar e a débeda sen pagar.

Ademais, tampouco había ningún tipo de maquinaria e fixemos un parque de maquinaria. Moitas das pistas estaban sen arranxar, non había nin un metro cadrado de aglomerado en quente e fixemos aglomerado en quente. E considero que se fixo moito traballo en Láncara.

A veces fago un balance mental e estou satisfeito, parece imposible que se fixera todo o que se fixo no Concello. Teño que agradecerlle nese sentido aos concelleiros da corporación o traballo feito xa que sempre confiaron moito en min e me brindaron moito apoio. Por iso, lles teño moito que agradecer xa que é un factor moi importante. Penso que é fundamental que o alcalde poida contar cuns compañeiros que o apoien e que saiba que pode tomar decisións sin ter marxe de tempo para preguntar e sentirse respaldado na elección.