Skip to main content
Sarria

Catro empresas interesadas no contrato de servizos da piscina e outras catro no ximnasio de Sarria

Por 20 Xaneiro, 2022Xaneiro 21st, 2022Sin comentarios

No día de onte, Sarria celebrou tres mesas de contratación co fin de acadar a información pertinente sobre os procedementos abertos na actualidade. O contrato de servizos da piscina que inclúe a piscina interior climatizada e a exterior de O Chanto para o verán conta con catro ofertas de catro empresas diferentes. O contrato sería de dous anos con posibilidade a prorrogalo durante un máis cunha cuantía anual de 310.817 euros.

A xestión da piscina será do Concello mentres que a empresa adxudicataria porá persoal, coordinará os servizos, o mantemento, a vixilancia e a limpeza das instalacións. Encargarase tamén de atender e controlar os usuarios. Isto é así despois da última modificación do contrato despois de que na primeira vez que se licitou, unha das empresas, presentara unha alegación que obrigou a cambiar as bases. Isto supuxo un atraso en canto á resolución de dita licitación, polo que se tivo que prorrogar o contrato menor que permite que na actualidade a piscina estea en funcionamento.

A mesa de contratación do ximnasio da piscina tamén tivo lugar no día de onte. Este contrato será de catro anos e 237.000 euros. En total, son catro as empresas interesadas que presentaron un proxecto despois de que na primeira convocatoria ningunha das ofertas se axustara aos pregos da licitación.

Por último, houbo unha terceira mesa de contratación na que se presentaron dúas empresas co fin de rehabilitar cinco pisos para alugueiro social na Casa dos Ulloa ou Casa das Arsenias por un valor de 333.260 euros.