Skip to main content
Láncara

O PP de Láncara propón o arranxo da estrada de Villarín a Furco cos fondos do Plan Único

Por 26 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O Partido Popular de Láncara insta ao alcalde a arranxar a estrada de Villarín a Furco con fondos do Plan Único da Deputación, a través do que a este municipio lle corresponden máis de 311.000 euros. Trátase dunha importante vía de comunicación, pois comunica este municipio cos de Triacastela e Becerreá, pero o seu deterioro é moi elevado, co conseguinte risco que isto supón para os usuarios.

Esta non é a primeira vez que os populares trasladan ao goberno local a necesidade de acondicionar esta estrada. A primeira, foi no pleno de 2016, sendo aprobada por unanimidade a moción do PP. “Con todo, advirte Santiago Cubillas, o Concello non fixo nada ao respecto”.

“O certo é que son 3,6 quilómetros que constitúen a vía fundamental desas aldeas para a comunicación cos concellos limítrofes, pero o seu estado é intransitable”. Ademais, a construción do parque eólico na zona empeorou notablemente o seu estado; de aí que os populares propoñan ao goberno local que inclúan a súa mellora no Plan Único, estimando que o asfaltado dese treito con aglomerado en quente, pintado e sinalizado, mantendo a anchura que ten, rondaría os 200.000 euros.

“Pensamos que é unha boa alternativa, xa que a través dos fondos da Deputación, se podería acometer definitivamente a súa mellora sen problema”.