Skip to main content
Paradela

Paradela convocará o concurso dos locais do parque empresarial este mes de xaneiro

Por 18 Xaneiro, 2022Xaneiro 19th, 2022Sin comentarios

Co remate das obras de construción do viveiro de empresas de Paradela chegan as ofertas das distintas empresas para adquirir algunha das instalacións. Será ao longo deste mes de xaneiro cando o Concello seque a concurso os cinco locais do polígono.

Unha vez saia o concurso, os interesados terán un mes para presentar as solicitudes. As instalacións estarán destinadas a aquelas empresas que aínda non estean constituídas e o fagan nun máximo de tres meses desde que se resolva o acollemento, e a aquelas empresas que teñan como máximo seis meses de idade dende a súa constitución ata a data da solicitude. É fundamental que o proxecto que presente cada empresa garanta estabilidade no emprego e na actividade que vai desenvolver, sendo esta acorde e afín as características físicas do viveiro.

ACTUACIÓN NO VIVEIRO
As actuacións no viveiro contaron cun custe final de 280.962 euros e supuxeron a urbanización do acceso, a construción de estruturas interiores, instalacións de electricidade e fontanería, carpintería, seguridade contra incendios, etc. A promoción do polígono comezou no ano 2018 coa adquisición de dúas parcelas no parque empresarial. Foi neste ano cando comezaron as obras que se viron obrigadas a paralizarse despois de que Suplusa, organismo inexistente na actualidade, non tivera os documentos en regra. No 2019 retomáronse estes traballos que deron fin no 2020.

O viveiro de empresas supón unha maneira de promover e dinamizar os negocios da vila, favorecendo a creación de novas empresas que axuden a potenciar o tecido empresarial do municipio.

As últimas obras levadas a cabo no 2021 tiñan como obxecto o de crear espazos funcionais que conten con superficie diáfana e dispoñan de recepción, vestiarios e aseos, entre outros servizos, para ofertalos a novas firmas que dean os seus primeiros pasos neste polígono.