Skip to main content
Sarria

Entrevista: “O máis gratificante é ver como desfrutan os nenos ao xogar”

Por 23 Xaneiro, 2022Xaneiro 24th, 2022Sin comentarios

Falamos con Violeta Díaz Pérez presidenta do club Os Meigallos FS.

Como nace o club?
O club nace a partir dunha serie de rapaces entre 10 e 11 anos que queren xogar ao fútbol sala que xogan no recreo e os seus pais anímanse a xuntarse e facer un equipo. Comezaron cun equipo de 12 nenos, porque eu daquelas non estaba, duns pais con fillos afeccionados ao fútbol sala. Aí nace o proxecto dos Meigallos FS.

Para que idades é?
A partir de 3 anos. Temos desde biberón, prebenxamín, benxamín, alevin, infantil, cadete, xuvenil e senior. Todas as idades dende 3 anos en diante, todo o mundo que queira vir aquí estamos.

Que se pretende inculcar nos nenos?
Pretendemos inculcarlles compañeirismo, xogo en grupo, responsabilidade e todos os valores que dan o deporte en grupo.

Cal é o maior rival para o club?
Hai moitos, temos que pensar que nós somos unha vila pequena onde o único que hai é Os Meigallos, non hai nada máis de fútbol sala. E despois vas polas cidades que teñen onde escoller aos nenos, onde coller o mellor do mellor entón todos os rivais son duros e intentamos afrontalos como podemos.

Que obxectivos ten o club para esta tempada?
O de todos os anos, intentar mellorar, conseguir o mellor posto posible e permanecer nas categorías ou conseguir ascender. Isto é o que pretendemos todos os anos.

Cal foi o maior logro do club ata o de agora?
Os xuvenís cando gañaron a Copa Galicia. O ascenso do senior a preferente. E tamén tivemos un equipo femenino que nos deu moitas alegrías e moitos títulos.

Como afrontou o club e os xogadores a Covid-19?
O Covid afectounos o ano pasado duramente porque moita xente tiña moito medo. Moitos pequenos non viñeron ao fútbol nin se apuntaron por culpa da Covid. Intentamos levalo o mellor posible, competimos todo o ano tomando as medidas de seguridade recomendadas e un pouco máis. Ao final tivemos sorte non tivemos ningún caso e fomos saíndo ben cara adiante e, así seguimos.

Na actualidade que medidas se están a tomar? Como responden os xogadores?
Na actualidade estamos tomando as medidas que nos recomendan dende a Federación e dende o grupo sanitario. Medir a temperatura, ao mínimo síntoma avisar e responder como corresponde. Ter todos a vacinación, todos a partir dos nenos de 12 anos e os que non teñen vacina porque son menores e non podían vacinarse xogan con máscara e intentamos levalo ben, os nenos responden ben e por agora, as cousas estannos a saír ben, polo que non hai queixa ningunha.

Cal foi o maior reto ou dificultade ao que se tivo que afrontar?
Como subvencionarnos e de onde sacar os cartos. Ademais, tamén costa buscar os pequenos que queiran xogar e conseguir que en todas as categorías haxa nenos. Por agora vámolo conseguindo, incluso en varias categorías temos dous equipos por categoría. Outra dificultade que temos no club é atopar xente que queira adestrar, comprometida e que teña algunha noción de fútbol sala, entón todos os anos temos problemas para localizar a xente que queira adestrar. Estas son as maiores dificultades que temos día a día.

Que propósitos ten de cara ao 2022?

Que sigamos para adiante, intentar seguir subindo dentro das nosas posibilidades. E sobre todo que os pequenos estean contentos. Eso é o máis importante.

Queren ampliar a oferta e ampliar categorías ou número delas?

Nunca puxemos límites, o único que temos que saber é con cantos pequenos contamos para saber si facemos un equipo, dous ou os que sexan. Chega un momento no que estás apuntando as ligas e no momento que cumpres 15 fichas por equipos xa non se poden apuntar a máis nenos, polo que o interesante que a xente que estea interesada a apuntarse ao fútbol sala o faga durante o mes de xullo para poder ter unhas previsións das categorías e dos nenos que vamos ter.

Hai rivalidade entre clubs sarriaos?

Si, doutras especialidades hai rivalidade porque non nos damos posto dacordo a hora de facer os adestramentos, e facer que as categorías non coincidan. Non hai forma de poñerse de acordo. Entón, ao final o que consegues é que si o pequeno xoga contigo non poida xogar con outro e facer outro deporte. Eu creo que nestas idades sobre todo de pequenos, poderían facer máis dun deporte sempre e cando nos puxéramos de acordo pero eso é totalmente imposible neste sitio. Non hai forma de sentarse. Nós temos as horas de pavillón que temos e non podemos cambiar os horarios, ao final os que se fastidian son os nenos porque por culpa de que nós non nos poñemos de acordo teñen que elixir entre unha actividade ou outra e non poden facer dúas. Hai certas idades nas que se podería compaxinar porque os nenos teñen tempo para facer varias cousas á vez, isto sería marabilloso e moi bo para os pequenos e para os clubs. Porque os nenos que hai na vila son os que hai non hai máis entón por moito que queiras estirar non podes.

Realizan máis actividades a maiores dos adestramentos e competicións?

Temos un torneo ao final da tempada de todas as categorías onde ven xente de Burela, Lugo e todas as esquinas. Tamén temos o Campus en colaboración cos irmáns Diz que son dous xogadores de primeira división que fan un Campus en colaboración con nós na segunda semana de xullo cada ano.

Que é o máis gratificante de levar un club?

Ver como desfrutan os pequenos e velos xogar. Eso é o máis gratificante.

Cal é a túa vinculación co fútbol e como nace?

A vinculación nace grazas ao meu fillo. A el gustáballe xogar a fútbol e fútbol campo aínda era moi pequeno e aínda non podía ir, comezou indo a fútbol sala porque era o que había e ao final comezou alí o primeiro dos meus fillos e remataron indo os tres.

Como chegou a ser a presidenta do club?

Cheguei polo mesmo motivo, empezas axudando, colaborando coa directiva, os pais que van saíndo vano querendo deixar entón ou segues e colles as rendas ou ao final isto desaparece. Entón vamos rotando. A verdade é que somos un grupo, o da directiva, todos colaboramos moito e traballamos moito entón lévase moi ben.

Sentiu algún tipo de discriminación por ser muller nun entorno no que a meirande parte é home?

Non, nunca me sentín discriminada. A verdade é que o tomei moi ben sempre, a xente trátanos moi ben. Nun principio ninguén se estraña de que a presidenta e a vicepresidenta sexamos mulleres polo que o levamos moi ben.