Skip to main content
Sarria

Os colectivos e asociacións sarriaos márcanse os obxectivos para o 2022

Por 6 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Os colectivos e asociacións sarriaos, ao igual que os cidadáns, márcanse novos propósitos e desexos de cara ao novo ano. Dende aquí queremos dar voz a tódalas agrupacións que conforman e facilitan a vida dos veciños de Sarria.

Hai un único desexo e obxectivo que une a todos os colectivos e cidadáns. Este é o da saúde, un factor que se viu moi minguado nos últimos dous anos. A covid 19 irrompeu paralizando a vida social, o comercio, as actividades, os festexos e todo tipo de acto que consistira nunha pequena agrupación de persoas. Nos últimos meses, fóronse reactivando todos estes sectores, favorecendo unha mellora na calidade de vida dos lucenses e dos grupos que conforman.

Aínda que as administracións públicas están a favorecer e impulsar os distintos sectores, para axudar e dinamizar a economía e promover a cultura e as diferentes actividades sociais, as asociacións e colectivos reivindican un incremento no apoio que lles facilite a volta á normalidade.

Os colectivos que se encargan de facilitar a vida dos veciños debido a que estes padecen algún tipo de enfermidade, son grandes grupos que apoian e sustentan unha mellora no día a día das persoas.

Neste eido, Afalu Alzheimer, unha organización sen ánimo de lucro que favorece unha mellora na calidade de vida dos seus pacientes, un apoio, para as familias e un factor fundamental na campaña de concienciación, prevención e información sobre as demencias neurodexenerativas.

A colaboración e sustento da mesma é unha parte esencial que garante un envellecemento de calidade e digno na comarca

Neste senso, María Carmen Pena Ledo, presidenta da asociación destaca dous obxectivos principais de cara ao 2022 “seguir insistindo na prevención mediante a estimulación cognitiva e a terapia e, dar visibilidade á problemática á que se enfrontan día a día os enfermos e as súas familias. Seguiremos defendendo os seus dereitos e as súas necesidades”.

Aproveita para pedirlle ao novo ano “que as administracións públicas sigan colaborando co noso colectivo así como ampliar e axilizar os recursos para os doentes de Alzheimer e demencias neurodexenerativas e as súas familias”.

A cultura, foi un dos sectores máis paralizados e un dos que máis dificultades están tendo para volver á reactivarse. Son circunstancias onde existen aglomeracións de xente e é complicado poder ofrecer unha programación ampla e variada de actividades culturais sen que supoñan un risco. Coa chegada das vacinas volvéronse abrir teatros e retomáronse as actuacións celebrando as diferentes festividades a medio gas. Polo que, o obxectivo é común para tódolos colectivos que fomentan as actividades culturais da comarca, que o virus permita encher teatros e realizar as festas tradicionais da vila coma nos anos anteriores á aparición da Covid.

Dende a Asociación Rúa da Música márcanse como obxectivo este ano unha meirande de proxectos que axudarán a promover a cultura musical da vila. O seu propósito principal é o de “proporcionar apoio as bandas emerxentes de Sarria para que poidan ensaiar, dispor de material, poñerse en contacto entre elas. Apoiar estas bandas e a cultura é beneficioso para as novas agrupacións sarriás”.

Neste ano cumpren dez anos polo que teñen en mente celebralo co xa tradicional festival Garitosis. “Terá lugar o 17 de setembro que é sábado. Non hai bandas confirmadas pero é unha festividade que rememora os dez anos de vida da asociación, participarán bandas locais e algunha de fora”.

Tamén están en proceso de editar un CD “un disco dobre que vai ter temas de grupos que durante anos ensaiaron na asociación, polo que se tirará de gravacións antigas ou se reunirán para gravalos de novo de maneira excepcional. Outras son bandas en activo que gravaran un tema para o disco. Cada un dos discos contará con dez temas onde estarán tódolos grupos que pasaron pola asociación”.

Ademais, suman na súa axenda varias actuacións e concertos, como xa é habitual. Cada mes achegan a musica en directo aos veciños e “a expensas de como vai o tema da pandemia e as restricións, están programados tres concertos. O 14 de xaneiro virán os Alcantara un grupo de Ferrol que fan versións de artistas coñecidos e moi clásicos nacionais, o día 5 de febreiro ven Wicked World que é unha banda de Lugo que fai versións de rock e heavy metal e o 19 de marzo unha banda de Albacete que se chama True Enemy, unha banda de rock que fai temas propios que están presentando o seu novo disco e fan xira desde Albacete”.

Tras marcar como obxectivos a realización de todos estes proxectos, reivindican ás administracións públicas que apoien a cultura. “A nós como asociación que leva 10 anos de vida e formamos parte activa da vida cultural da vila, gustaríanos que nos apoiaran economicamente con estes proxectos que vamos presentar agora, como o disco. Parece ser que si que vamos recibir apoio no disco e na realización da Garitosis. A Garitosis faise tódolos anos e sempre conta con axuda do Concello. Mentres se sigan portando así non temos queixa”. Reclaman así que se apoie a cultura, as bandas emerxentes, aos músicos da vila e ao colectivo tanto nas contratacións para que actúen nas festas da vila, que xa se ven facendo, como tamén nestes novos proxectos xa mencionados.

Os negocios e establecementos sarriaos desexan un ano con máis compras por parte dos veciños, que admiten, cada vez son máis conscientes de que realizar as xestións nos establecementos de proximidade promoven e xeran riqueza na comarca, movendo a economía, creando postos de traballo e favorecendo as pequenas empresas

Dende a Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos de Sarria (ACES) – CCU Sarria, ao longo do 2022 “continuaremos dando un servizo de asistencia e apoio ás empresas de comercio, servizos, profesionais e autónomos da comarca de Sarria, promovendo ás mesmas e fomentando o seu pleno desenvolvemento”.

ACES fundouse no ano 1997 como organización empresarial sen ánimo de lucro, aínda que se converteu en CCU propiamente dito no ano 2004. Os principais obxectivos dende os inicios desta organización, son a representación, defensa e promoción dos intereses económicos, sociais, profesionais e culturais dos seus asociados, actuando en representación das empresas da localidade ante entidades públicas e privadas, e facendo o papel de mediadora e interlocutora perante organismos e foros nos que o sector empresarial da Vila precisa estar presente.

Dende o CCU de Sarria afirman que “intentamos incentivar o consumo a través de distintas actuacións, algunhas novidosas e outras afianzadas entre os consumidores e os establecementos tras varios anos de recoñecemento. A última que tivemos en en vigor foi a campaña de Nadal, coa cal sorteamos mil euros entre as compras realizadas na última quincena do mes de decembro nos establecementos asociados. A persoa gañadora investiu estes mil euros nos mesmos establecementos. A campaña de nadal é unha das máis fortes do CCU, este ano grazas a un convenio de colaboración co Concello de Sarria podemos gozar dunha pista de patinaxe de xeo, que se instalou na Praza da Vila o 23 de decembro, e que funcionará ata o domingo, día 9 de xaneiro, a cal está tendo unha gran acollida entre os veciños e veciñas, e tamén de poboacións próximas que non dubidan en dar un paseo sobre o xeo, sobre todo, os máis cativos”.

Os membros da Asociación consolidan que “no ano 2022 seguiremos a mesma liña, adaptando as campañas aos cambios nos hábitos dos consumidores. Por exemplo, coa declaración do estado de alarma no ano 2020 creouse unha plataforma gratuíta de venda de bonos (www.acesarria.net ). Esta plataforma tivo un gran alcance a nivel de medios, con entrevistas para varios telexornais e prensa escrita, ao tempo que permitiu animar aos donos dos negocios que estaban pechados, e tamén aos nosos clientes. Ao tempo creamos un grupo en redes que segue tendo moita forza a día de hoxe “Voltaremos pronto”. Contamos tamén cunha plataforma de fidelización “Club CCU Sarria”. No relativo ás campañas habituais que coinciden con datas sinaladas no calendario (San Valentín, día da nai, día do pai, …) imos variando a dinámica da mesma, na procura de captar a atención dos nosos clientes en cada momento. Antes da pandemia celebrabamos a “Sarria Fashion Night” na cal as rúas da vila se vestían de moda. Esta campaña tamén tiña un gran alcance mediático e éxito entre os clientes. En definitiva, este novo ano seguiremos na mesma liña, rediseñando e adaptando as distintas campañas para o incentivo do consumo na nosa vila ás necesidades dos consumidores”.

Ademais, tamén se encargan de divulgar as normativas entre os empresarios “tamén temos unha labor moi significativa á hora da información da que dispoñen os nosos asociados, sobre todo agora que a normativa é tan cambiante. Dende as nosas oficinas seguiremos informando aos asociados de todos os cambios lexislativos e normativos que publiquen os distintos organismos. Así como as posibles axudas ás que poden optar e a súa tramitación sen custe adicional”.

Para poder tramitar todas estas campañas e obxectivos no 2022 dende a Asociación afirman que “é imprescindible a colaboración das distintas Administracións. O apoio ás Asociacións deste tipo é imprescindible para a supervivencia da maioría das existentes. Outra forma de colaboración é a través de campañas a iniciativa dos organismos nas que colaboramos como Asociación, como foron no pasado ano 2021 os bonos “Activa Comercio”, “bono turístico” e “bono Cultura” da Xunta de Galicia, ou os “Bonos Impulso” da Deputación de Lugo. Estas campañas tamén tiveron unha enorme acollida entre os consumidores e establecementos participantes, e fomentaron as compras durante a súa vixencia. Por outra parte, tamén é importante poder trasladar as inquedanzas dos sectores que representamos aos distintos organismos, así como aquela lexislación ou normativa que se considere mellorable”.

As asociacións de veciños son unha parte fundamental para a creación dunha sociedade. Estas encárganse de reivindicar os dereitos dos cidadáns, de unir forzas e loitar polas melloras específicas dos seus barrios e as súas zonas. Despois da pandemia son moitos os veciños que viron minguados os seus ingresos, que viron necesario un plan de axudas e que se envorcaron na reconstrución da vida social do seu barrio.

Fernando Rois Rois, Presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” – CoGaVe. Un colectivo que representa a unha gran parte da sociedade da provincia confirma que entre “os obxectivos de cara ao 2022 están o de seguir defendendo os intereses de tódolos galegos e galegas, independentemente de onde vivan. Temos que seguir dando batalla en materia de cobertura de telefonía móbil e internet, que segue sen chegar a moita xente. Tamén seguiremos enriba da mellora de conexións entre Galicia e tamén de Galicia co resto da península. Tamén en materia de atención presencial, especialmente en tema sanitario. Seguiremos denunciando os abusos das entidades bancarias. En definitiva, seguiremos defendendo aos veciños e veciñas de toda Galicia”.

En canto as reivindicacións, o presidente recorda que “na maioría dos casos non obtivemos resposta nin tampouco execución en tempos aceptables. Esixiremos que estean á altura das necesidades da cidadanía, xa que son entidades públicas, ao servizo das persoas”.

A Asociación de Mulleres Rurais de Paradela márcase como obxectivo o de “seguir a medrar como asociación e cubrir a demanda das nosas socias e veciños ademais de seguir a ter un papel importante na colaboración social co Concello”.

Por outra banda, ás administracións “diríamoslles que unha asociación non se mide por se ten local de seu ou non,como nos pasou en varias ocasións á hora de acceder ás axudas. Unha asociación mídese polo bo facer, a súa actividade, etc. E iso non se pode comprobar dende un despacho senón pedindo información nos concellos e sobre todo tendo reunións coas directivas onde podamos explicar as nosas carencias e inquedanzas e poidamos tamén acordar con elas. Necesitamos mais axudas e menos trabas administrativas. As axudas deberían ser directas cun prazo de xustificación,pois a maioría das asociacións non temos liquidez suficiente para adiantar o diñeiro e esperar a que á administración lle dea a gana de pagar. Recordo unha anécdota que tivemos na nosa Asociación coa Deputación Provincial que reflexa moi ben á problemática da que estamos a falar: Fai uns anos despois de arranxar toda a parte administrativa (que non era pouca) concedéronnos un curso de xoiería. Pois ben, a días de empezar chamoume un señor, que supoño que sería un funcionario porque a min non se me identificou en ningún momento, para dicirme que non tiñan profesor para o curso ofertado e por conseguinte se suspendía o curso”.

O deporte en Sarria é un sector no que tamén influíu moito a pandemia. Por iso, de cara a este novo ano os clubs estableceron diferentes propósitos e obxectivos entre o que destaca seguir inculcando o deporte como hábito saudable aos máis cativos. Por outra banda, tamén pretenden seguir competindo e realizando encontros de gran envergadura na vila, como a participación na volta ciclista galega que terá lugar este verán na vila.

O Club de baloncesto, CB Sarria afirma que “os obxectivos son manter o número de integrantes do conxunto de equipos, actualmente 250 pequenos e pequenas da comarca de Sarria, e o segundo seguir traballando na canteira e poder sacar dous equipos seniors, femenino e masculino con xente do club”.

Ademais, de cara ao 2022 “non temos ningunha reivindicación cara ás administracións, soamente podemos agradecer o apoio do Concello de Sarria, da Deputación de Lugo a través da Vicepresidencia de Deportes, e da Xunta de Galicia a través de Deporte Galego”.

Por outra banda, o SD Paradela marca como principal obxectivo gañar sempre o partido “vamos intentar meternos na fase de ascenso e despois vamos pelexar como jabatos ata o final. Despois o verde e o balón poñerá a cada un no seu sitio, a intención é sempre pelexar ata o final e partido a partido. Hai que ter sempre presente aos nosos socios e o panorama que temos de Covid, que oxalá nos deixe seguir xogando e seguir desfrutando deste deporte. En calquera caso, adaptarémonos ao que nos manden as autoridades”.

En canto as reivindicacións “eu creo que aquí temos unha Federación que está traballando moi ben con Manolo Vilachá á cabeza e, está facendo, ao meu modo de ver, as cousas ben, de aí para arriba incluíndo a federación a maior reivindicación sería que apoien o fútbol comarcal e rexional porque arredor del calquera pobo pequeno xunta moita xente, moita xuventude, xera moito ambiente, move a economía da zona e sobre todo fomentamos o deporte e a rivalidade que fai falta no mundo da xente nova. Que fomenten eso as autoridades e potencien todas esas cousas”.

Violeta Díaz Pérez, presidenta do club Os Meigallos FS de Sarria marca como obxectivo de cara a este 2022 “o de tódolos anos, intentar mellorar, conseguir o mellor posto posible e permanecer nas categorías ou conseguir ascender. Isto é o que pretendemos todos os anos”.

Tamén denuncia que “cobramos unha pequena subvención da Xunta, outra da Deputación pero, por exemplo, do Concello de Sarria levamos sen cobrala dende 2016, da igual que sexa este partido de agora, o anterior ou o de sempre. O fútbol sala sempre estivo discriminado, as subvencións comezaron con 400 euros, a máxima que cobramos foron 2000 euros, que non chega para nada. Temos cinco equipos en liga galega, somos o club de Sarria que temos os equipos na máxima categoría porque o resto de asociacións e clubs están xogando en liga local e non temos nada de subvención. Con 160 fichas me parece que podían mirar máis polo fútbol sala. Din que nos valoran moito que facemos moito traballo, que é unha marabilla pero ao final levamos dende o 2016 sen recibir nada do Concello”.