Skip to main content
Sarria

Os Reis Magos recollerán as cartas dos nenos na Praza de Abastos de Sarria

Por 5 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Os Reis Magos de Oriente confirmaron na tarde de onte a súa asistencia no día de hoxe á Praza de Abastos de Sarria para recoller as cartas dos nenos e nenas do Concello. Estarán no recinto dende ás 16:30 ata ás 20.00 horas co fin de atender a todos os asistentes.

Os sarriaos máis pequenos aínda están a tempo de escribir a carta cos seus desexos e peticións para que os paxes reais faciliten que esta noite, os reis fagan unha parada na súa casa e deixen os agasallos correspondentes.

Dende a organización solicitan que todos os veciños acudan con máscara e entren pola rúa Matías López. Este tipo de medidas favorecerá que a cita sexa segura malia as circunstancias sanitarias actuais.

PERCORRIDO POLAS PARROQUIAS
Ademais, as parroquias tamén recibirán a visita dos Reis ao longo do día de hoxe nunha ruta que dará comezo ás 11.00 horas en San Fiz de Reimóndez e rematará sobre as 20.15 horas en Loseiro. Tendo paradas en San Fiz de Reimóndez, San Pedro de Froyán, Loureiro, San Saturnino, Oural, Vilamaior, San Andrés, Meixente, Peruscallo, Goián, Vilapedre, Céltigos, Fonteabuín, A Veiga, Manán, San Xulián, Corbelle, Ferreiros, Loseiro.