Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

O Polo Aeroespacial adxudica o proxecto de simulación avanzada para xestión de tráfico aéreo

Por 19 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta tarde un encontro co director xeral do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), Javier Ponce. Na reunión abordouse a adxudicación por 12,75 millóns de euros do proxecto de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo U-Space que se desenvolverá no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei (Lugo), cumprindo así un dos primeiros fitos marcados para o novo marco de actuacións 2021-2025 do Polo Aeroespacial de Galicia.

O proxecto, cuxa licitación foi lanzada polo CDTI o pasado mes de agosto, foi adxudicado a Indra e Boeing, que serán as compañías encargadas de crear unha infraestrutura de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo en operacións nas que interveñen tanto vehículos aéreos non tripulados como tripulados.

Estas compañías, que xa actualmente son socios industriais da Xunta no Polo Aeroespacial, prestarán servizos de I+D para o desenvolvemento de solucións innovadoras, coa previsión de que en 16 meses, cara a mediados de 2023, o CIAR disporá dunha infraestrutura pioneira que consolide o Polo Aeroespacial de Galicia na vangarda do desenvolvemento de tecnoloxías e servizos vinculados cos vehículos aéreos non tripulados.

Este equipamento converterá o CIAR nunha infraestrutura de soporte para o desenvolvemento de tecnoloxía e regulamentación, contribuíndo a ampliar o mercado de usos civís destes vehículos e acelerar a xeración de actividade económica  e industrial deste sector.

A iniciativa enmárcase na Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025, con 70 millóns de euros de investimento xa comprometidos e que ten como principais obxectivos consolidar pegada industrial arredor deste sector na Comunidade, impulsar a súa proxección internacional coa comercialización de novos produtos e tecnoloxías innovadoras con denominación de orixe galega, e a creación de emprego cualificado. Tres obxectivos que, tal e como se salientou no encontro, se recollen neste novo proxecto
U-Space.

De feito, a Xunta xa lanzou a licitación para seleccionar novos socios estratéxicos que se queiran sumar ao Polo Aeroespacial. Cun orzamento de partida de 40 millóns de euros, a previsión é asinar entre catro e oito acordos de asociación para desenvolver arredor de 80 proxectos de I+D.

Impulso das pequenas e medianas empresas

Tal e como salientou Francisco Conde, o Polo Aeroespacial e proxectos como o que vén de licitarse favorecen a consolidación en Galicia de grandes empresas como Indra e Boeing, pero sobre todo, favorece o crecemento de pemes do ámbito dos vehículos aéreos non tripulados para que leven a cabo programas conxuntos de innovación.

A vontade do Goberno galego é seguir dando pasos neste eido a través da colaboración público-privada que está a resultar fundamental para o desenvolvemento desta iniciativa.

Na nova etapa seguirase incentivando a cooperación entre empresas e centros de coñecemento para fomentar a incorporación das pemes ás cadeas de valor das grandes empresas tractoras do sector aeroespacial, así como coas universidades e centros de investigación xeradores de coñecemento.

Nese sentido, tal e como apuntou o vicepresidente económico, o desexo da Xunta é seguir contando co CDTI, a quen agradeceu a súa colaboración porque, tal e como subliñou Conde, leva acompañando a Xunta de Galicia desde que o Polo Aeroespacial deu os seus primeiros pasos.

A Xunta espera que o Goberno poida convocar o antes posible o Perte Aeroespacial, xa que a inclusión do Polo Aeroespacial de Galicia nesta iniciativa supón unha oportunidade única para consolidar esta industria.