Skip to main content
Comarca TERRACHÁXAGuitiriz

Guitiriz abre un ciclo de presentacións do libro de Antón Meilán sobre Caldaloba

Por 25 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O mindoniense e profesor emérito da Universidade de Oviedo, Antón Meilán, vén de dar a lume Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte.

Esta obra, que ten como finalidade contextualizar e dar a coñecer dunha maneira divulgativa os feitos que decorreron na fortaleza de Caldaloba ou Vilaxoán e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza, insírese nunha serie de accións e actividades que veñen desenvolvendo máis de vinte entidades da Terra Chá e concellos limítrofes, sobre a lenda Caldaloba. Recuperarmos o noso Patrimonio. Recuperarmos a nosa historia, coas que reivindican á administración galega que a torre pase a propiedade pública e que se leve a cabo a recuperación e posta en valor dun ben que ten un valor histórico e simbólico importantísimo para a descuberta dun capítulo transcendental da historia de Galiza, frecuentemente agochado e negado.

A partir desta semana, e en próximas datas, Antón Meilán percorrerá distintas localidades da Terra Chá, e concellos limítrofes da comarca, para presentar esta publicación editada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Así, este venres, día 28, ás 19 hrs, estará na Casa Habanera de Guitiriz, da man de Xermolos, Os Vilares, lareira dos soños e Nova Poesía Guitirica e coa compaña de Alfonso Blanco Torrado e María Xosé Lamas. O sábado, 29, acollerao a asociación cultural Carballo Vivo de Friol, ás 17 hrs, no Museo-Fortaleza de San Paio de Narla, xunto a Dolores López e Encarna Lago. O mesmo sábado, ás 20 hrs, Antón Meilán estará con Orlando Viveiro na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei.

Vilalba, Lugo, Cospeito, Castroverde, Meira, Begonte, Xermade… serán as próximas paradas.