Skip to main content
Muras

A voceira popular de Muras acusa ao alcalde de dobre moral no tema do lobo

Por 11 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A voceira do Partido Popular de Muras, Eugenia Requeijo, denuncia “a dobre moral” do alcalde que, logo de votar en contra de excluír ao lobo como especie protexida, agora decide dar axudas polos ataques da fauna salvaxe. Neste senso, a líder do PP advirte que esta medida, ademais de ser “un copia e pega” do programa electoral da formación popular, se debe a que o vindeiro ano é ano de eleccións.

“É unha vergonza o que está a facer o alcalde”, afirma, pois “todos lembramos como incluso dicía que a Xunta se burla dos gandeiros e saíu na prensa criticando e rexeitando a nosa moción onde pediamos que non se protexese ao lobo e agora inclúe nos orzamentos axudas”.

Eugenia Requeijo manifesta así que “nós non nos opoñemos a que se axude aos veciños, o que criticamos é que cando a iniciativa a leva o PP, o goberno local vote en contra”. Por este motivo, a popular lamenta “a cativa visión” do alcalde, xa que “o PP cando presenta iniciativas é en aras de colaborar e buscar o mellor para os veciños de Muras”. Proba delo é que “neste último pleno o PSOE presentou unha moción parecida e nós apoiámola porque priorizamos os intereses dos gandeiros. Non acontece así, como se pode ver, co BNG que o prioriza son os intereses do seu partido”.

“A única finalidade que perseguen, advirte, son as súas ideas nacionalistas”, xa que, “cando a proposta parte do PP, aínda que sexa construtiva e beneficiosa, a súa resposta é non”. Neste senso, Eugenia Requeijo lamenta que o alcalde “prefira desdicirse” ao incluír as axudas nos Orzamentos do vindeiro ano, antes que darnos a razón”.

Os ataques dos lobos son un problema en todos os municipios situados na serra do Xistral. Por este motivo, os populares de Muras xa anunciaron que se tiñan responsabilidades de goberno estudarían a forma de dar máis axudas aos gandeiros afectados.

Agora, é o goberno local o que decide “copiar” ao PP dunha forma “torticeira”. “Non pasa nada por recoñecer publicamente que os demais partidos estamos para sumar; incluso ata isto dignificaría a acción do goberno, pero lonxe de facelo, prefiren non apoiar ao PP e logo actúan pola porta de atrás”, remarca.

Con todo, o Grupo Municipal do Partido Popular de Muras agarda que estas axudas “se materialicen máis pronto que tarde”, pois os ataques por este animal á cabana gandeira do municipio son constantes e as perdas que ocasionan aos veciños son cuantiosas.