Skip to main content
Muras

Entrevista: “Este ano imos loitar por un reparto xusto do canon eólico”

Por 16 Xaneiro, 2022Xaneiro 17th, 2022Sin comentarios

O alcalde nacionalista do Concello de Muras, Manuel Requeijo, atópase á fronte do Goberno local dende o ano 2015

Pode facernos un balance do ano que termina para o Concello? 

Pois tendo en conta que o 2021 foi o ano post-pandemia e que nos atopamos nun contexto máis díficil do esperado, aínda con todo, podemos concluír que o balance foi positivo, porque logramos cumprir a maioría dos obxectivos que nos propuxemos no goberno local: os servizos sociais funcionaron a pleno rendemento e executamos toda a obra pública programada.

Sempre que a situación sanitaria nolo permitiu, puidemos atender aos veciños e veciñas nas oficinas do concello, tratando de volver á normalidade, para escoitalos e atender as súas demandas. Conseguimos ocupar con actividades a maioría das fins de semanas do ano, con eventos que axudaron a dinamizar a economía local, ademais de seguir poñendo a Muras no mapa de Galicia, como a celebración da terceira etapa da Volta ciclista a Galicia ou o III rallie da Mariña. Puidemos sacar adiante os grandes eventos que celebramos anualmente, con certas limitacións, pero saíron, como a V Romaxe Artesá da Chaira en maio, o IV Trail das Bestas en xullo, a Feira do Poldro e do Gando do Monte en setembro e a VI Feira do Mel de Montaña en novembro. Sabendo que noutros concellos se suspenderon feiras e festas, podemos concluír que coas circunstancias que tivemos, que foi todo un éxito, e sobre todo, tendo en conta que a día de hoxe somos dos concellos con menos contaxios do virus.

Cales serían as principais actuacións que se levaron a cabo?

En canto á obra pública, executamos as seguintes actuacións: no ámbito do abastecemento de augas e saneamento, fixemos unhas melloras na traída de augas municipal no depósito de Chao de Currás para evitar as perdas de augas sobrantes así coma actuacións para levar a auga da traída ao Piocorto e O Porto na parroquia de Muras e melloras no Cal e no Chao  na parroquia do Viveiró. Logo de pequenos atrancos burocráticos, demos construído a depuradora de Augas no lugar de O Viveiró, cumprindo así cos requirimentos de Augas de Galicia en canto a verquidos.

Instalamos unha caldeira de pellets no Colexio Antía Cal para dar servizo ao colexio e ao PAI e cambiamos a cuberta da casa do concello que presentaba deficiencias e filtracións de humidades, e fíxose unha actuación global sobre as zonas verdes do municipio, axardinando novos espazos e conseguir novos coloridos, no momento en que se consoliden as plantacións realizadas.

Instalamos dous puntos de recarga para vehículos eléctricos que converten a Muras nun Concello adiantado na instalación neste tipo de infraestruturas.

Por último, fixéronse distintas actuacións na Rede Viaria Municipal con obras que sumaron un total de 650.000 euros, repartidos en trinta vías diferentes, polo que podemos estar satisfeitos, en canto á conservación de estradas, a pesar de que pensamos que hai estradas provinciais que deben mellorarse xa, porque están en moi mal estado, como pode ser a estrada que vai dende a Paleira ao Viveiró.

Que quedaría por facer de cara a este ano?

No 2021 pouco quedou por facer, dado que practicamente esgotamos o orzamento aprobado. Quedan pendentes trámites burocráticos para consolidar algúns expedientes, como a legalización das distintas traídas de augas municipais, que dependen doutras administracións, e nas que xa levamos anos traballando, ou como a creación do parque industrial, pendente de informes e autorizacións da Xunta. Xa se sabe que non é cuestión de ter os terreos, senón de realizar as modificacións da cualificación do solo, e nesas andamos. Non entendo como a Xunta se queixa de que quere xestionar fondos “Next Generation”, cando lle leva tres anos os trámites para que poidamos ter solo industrial. Temos empresas que queren investir en Muras e levan anos esperando a que a Xunta nos deixe vía libre para facer o parque industrial.

E de cara xa ao futuro?

Nestes seis anos que levamos á fronte do Concello, este equipo de goberno conseguiu cambiar na xente aquela percepción de que vivir no rural era un atraso, pois a base de moito traballo, imos dándolle a volta a esa percepción tan connotativa. E de feito  logramos cambiar a tendencia do censo municipal no 2019, que ata ese ano descendía en picado.

Neste sentido, outro exemplo é que hoxe en día as oito parroquias do Concello, agás Ambosores, teñen traída municipal de augas, e hai alumeado público ao pé de todas as casas, tanto no rural coma nos núcleos urbanos, e uns bos accesos. Este feito dende o meu punto de vista fai que este veciños e veciñas teñan unha calidade de vida semellante, xa non direi mellor, a calquera outra persoa que viva nun núcleo urbano da contorna. Nestes anos, melloramos, ampliamos e creamos moitos servizos, onde non existían.

No futuro próximo, imos loitar por un reparto xusto do canon eólico. A Xunta recada no Concello de Muras 2.2 millóns de euros dos cales só nós toca apenas unha cuarta parte. O impacto ambiental, acústico e paisaxístico témolo aquí, non en San Caetano, e non imos permitir que a Xunta de Galicia nos considere como un parque temático e pretenda contentarnos con migallas. Ademais, é necesario cambiar os criterios tanto para cobrar o canon, como para repartilo a través do fondo de compensación ambiental, e iso canalizarémolo a través dos nosos representantes no parlamento galego.

Que necesidades ten o Concello a día de hoxe?

Ademais de poñer en marcha o polígono industrial, temos un problema grande en materia de comunicación. O acceso á internet no rural segue sendo moi pobre e a cobertura móbil en moitas zonas do concello son case inexistentes. Precisamos un plan ambicioso en toda Galicia, pero sobre todo no rural, se queremos que siga vivo e que se poida vivir nel. Estamos estudando cales son as mellores opcións e as vías de financiación para aumentar as infraestruturas de comunicación, pero somos conscientes das nosas posibilidades, precisamos a implicación e a axuda doutras administracións. Se non tes internet cunhas mínimas condicións, cada día é mais difícil que sexas competitivo, tanto a nivel laboral como económico. 

Houbo recentemente moitos problemas polo servizo de saúde. Como se soluciona o problema?

Feijoó di que temos o mellor sistema de saúde, pero a realidade é que en Muras, cada dúas por tres, nos deixan sen médico, e fano sen avisar e os doentes teñen que ir a outros concellos. Entón algo falla, a xestión non é boa e aquí non poden tirar balóns fora, a culpa é da Xunta, exclusivamente deles. Si hai poucos médicos, pois terán que ampliar as prazas na facultade de medicina, porque todos coñecemos a moitos rapaces que se quedan sen estudiar por décimas….acaso unha persoa non pode ser médico por unhas décimas na nota media…é surrealista. Teñen que reforzar o servizo de primaria, que o teñen desatendido , non pode ser que un médico teña que atender a 50 persoas no día….hai anos os licenciados tiñan que marchar ao estranxeiro, onde cobraban moito máis que aquí, agora que lles digan que volvan con salarios máis pequenos e máis precariedade laboral. O PP sempre que gobernou apostou pola sanidade privada, e agora acórdanse de santa bárbara, porque trona, e por enriba a culpa é sempre dos demais. Precisamos apostar pola sanidade pública, gratuíta e de calidade.

Outros dos grandes eixos do ano foi o peche da oficina bancaria. Como se superou esta situación?

Pois aí seguimos esperando que a Xunta faga algo, porque dende o concello non temos competencias e a xente falou e berrou alto e claro, que están acabando co rural. Nos esixen ter unha conta bancaria para todo, pero resulta que non temos unha entidade bancaria en todo o municipio. Rescatamos a Caixa galega con 9.000 Millóns de euros e regalárona por pouco máis de 1.000 millóns.

E todo isto, co beneplácito do Presidente da Xunta, o señor Feijoo. Precisamos unha banca pública galega, que acabe cos abusos da banca, porque cobran ata por respirar o aire da sucursal . A xente con menos recursos, no sentido amplo da palabra, queda á intemperie  sen acceso a un dereito tamén básico e nós non podemos consentir esto por unha cuestión de xustiza social e polo feito de que si desaparecen os servizos do rural este mundo tamén esvarece. Volvendo áo inicio esta situación non está superada e levamos as nosas queixas e demandas aos organismos que nós escoitan tratando de voltar á situación anterior.

O debate pola normativa do lobo segue de actualidade. Como se posiciona o Concello e os veciños?

A posición do concello e da veciñanza é moi clara, que paguen polos danos directos que provocan, pero que os paguen a prezo de mercado, non con indemnizacións miserables, que non chegan nin para pagar seguros. Hai tres anos, fun falar coa conselleira, e díxome que ían facer un censo das manadas de lobos, aínda estamos esperando a ver se aparece.

Eu, como Alcalde, teño moi claro en que lado estou no tema dos ataques ao gando, porque este ano matáronnos un becerro na casa, e o ano pasado dous. Os do PP de Lugo falan dende a moqueta, de oídas, e logo veñen dicir mentiras de que incrementan as axudas. A partida económica 08.03.541B.470.1 dos orzamentos da Xunta para o 2022 que financia a convocatoria de axudas para paliar os danos producidos polo lobo segue intacta, a mesma que no 2021: 2.153.524 euros, non se moveu un decimal. Quedou claro que á Xunta non lle interesa incrementalas e o esconden poñendo o foco de atención noutros debates estériles e escorrendo a culpa nos ministerios. Poden enganar unha vez aos gandeiros, pero dúas non. Se hai menos explotacións gandeiras, eu só digo que o PP leva gobernando este país 30 anos, algo pintarán neste panorama que bota medo. 

Foi este un ano complicado sen dúbida para todos. Como levou Muras a situación da pandemia?, un concello con moi poucos casos.

Somos un concello con poucos habitantes e moi disperso,  pero demostramos que tamén posuímos un civismo envexable, porque en porcentaxe , estamos nos primeiros postos en canto a menor número de contaxios. A maioría dos veciños e veciñas son xente maior e  toman moitas precaucións.

Un desexo para este ano que comeza?

Pois que haxa moita saúde e traballo, o resto xa vén solo. Esperemos recuperar a normalidade que tiñamos hai dous anos, para gozar da familia, das amizades e das reunións festivas que tanto nos gustan.