Skip to main content
Muras

Eugenia Requeijo, elixida presidenta do PP de Muras

Por 28 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Eugenia Requeijo Chao, portavoz popular no Concello, foi elixida presidenta do PP de Muras, cun apoio do 100%. Con ela, están na directiva do partido Julio Díaz Díaz, como secretario xeral, e Fernando Carballido Amor, como vocal. O congreso celebrouse no Bar Santi, con participación da presidenta provincial do PP, Elena Candia; o coordinador xeral e portavoz, José Manuel Balseiro, e o secretario xeral, Javier Nodal.

A nova presidenta do PP local, Eugenia Requeijo, sinalou os seus obxectivos e os principais retos que se fixa. Por un lado, fortalecer o partido, incrementando a afiliación. Nesta liña, di que é preciso facer chegar á mensaxe do PP a todos os veciños do municipio e poñer en evidencia que a xestión do actual goberno local está máis centrada en confrontar coa Xunta que en mellorar o municipio. Asegura que pretende estar aínda máis cerca dos seus veciños para axudarlles a resolver os problemas aos que se enfrontan nun municipio das características de Muras.

Eugenia Requeijo cre que en Muras hai ganas de cambio á fronte do Concello. “É necesario que quen goberne estea máis preocupado por defender os intereses dos veciños que os do propio partido”, sinala a nova presidenta local do PP.

A nova presidenta do PP de Muras é gandeira. Polo tanto coñece ben as dificultades ás que se enfrontan todos os que viven do sector primario, o máis importante no municipio de Muras. “Comprométome a traballar intensamente para solucionar problemas que afectan seriamente ao sector, como é o do lobo”.

Para a nova presidenta local do PP, é preciso dotar a Muras dun polígono industrial. “Hai que facilitar solo industrial para que se asenten empresas no municipio, para crear postos de traballo e que a xente se anime a vivir no rural”.

Polo seu lado, a presidenta provincial do partido, Elena Candia, destacou o feito de que a presidencia local da organización quede en mans dunha muller, que vive dunha explotación gandeira asentada no municipio. Candia puxo de relevo igualmente a capacidade de traballo que ten demostrada Eugenia Requeijo, así como a súa continua disposición para sumar a favor dos intereses dos veciños.