Skip to main content
As Pontes

8.500 persoas participaron o ano pasado nas Pontes nas actividades culturais

Por 14 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes consolidou a súa aposta cultural durante o ano 2021, con máis de 70 actividades que lograron congregar a máis de 8.500 persoas espectadoras.

O concelleiro de Cultura, Vicente Roca, amosa a súa satisfación co balance do ano 2021 “a pesar da incerteza dun ano marcado pola pandemia da Covid19 e as restrición dos aforos que nos levou a apostar por outros formatos e outros espazos para seguir garantindo o acceso a unha programación cultural de calidade a toda a veciñanza”

Así mesmo, o edil de Cultura quixo agradecer “a cada unha das persoas que asistiron aos espectáculos programados o seu compromiso, a súa responsabilidade e o seu repecto polas normas facendo que a cultura fose segura e amosando que ademáis é esencial e fonte de desenvolvemento económico”.

A oferta cultural incluíu un amplo programa de actividades entre as que destacaron as representacións teatrais, os concertos, os espectáculos de maxia e de danza, axustadas a todos os gustos, pensadas para o público de todas as idades con prezos alcanzables co obxectivo de facilitar á veciñanza o acceso a unha programación de calidade, estable e variada.

O espectáculo Magic Dreams da compañía Producciones Teatrales Algoquín foi a actividade que logrou atraer a un maior número de persoas espectadoras. Foron 694 as persoas que acudiron ás duas sesións programadas polo departamento de cultura no mes de decembro de 2021.

Outro espectáculo que gozou do favor do público, con 459 espectadores enchendo o patio do Colexio Santa María,  foi Orballo Cultural, un ciclo de concertos de recoñecidos artistas galegos e nacionais, pero con oco tamén para a música local, a través do que o Concello das Pontes fixo unha aposta decidida polas novas propostas que están a xurdir tanto na escena musical co obxectivo de achegar a cultura ás xeracións máis mozas, facilitándolle unha ampla oferta de ocio.

A estrea do espectáculo de danza, Credo, da compañía Nova Galega de Danza liderada por Jaime Pablo Díaz, director da escola municipal de baile de As Pontes, congreou a máis de 400 persoas.

O Concello de As Pontes durante o ano 2021 continuou apostando polo teatro galego coa representación das obras Despois das Ondas, Dreaming Juliet, a Lingua das Bolboretas ou Curva España, dirixidas e interpretadas por figuras destacadas do panorama teatral da nosa comunidade autónoma.

O teatro dirixido ao público infantil ocupou un lugar destacado dentro da programación cultural do ano 2021, con obras como Ris Ras, Os tres porquiños ou Carapuchiña Vermella que lograron atraer a 475 persoas.
Os concertos tiveron un importante poder de convocatoria. Preto de 4.600 persoas espectadoras asistiron ás 30 actuacións musicais programadas durante o ano 2021, entre as que destacaron as de Leilía, Malevaje, María José Llergo, De Vacas, Pedro Pastor, Mr. Kilombo Carmen Boza, León Benavente, La Porteña Tango, Técanela ou as orquestras Marbella e Los Satélites con Sito Sedes.

Por outra banda, os espectáculo de maxia de Jorge Blass e de Dani Polo foron dous dos grandes triunfadores da tempada con máis de 338 espectadores e 250 asistentes, respectivamente.