Skip to main content
Axenda Caducada

As Pontes acollerá dende febreiro tres obras de teatro da Rede Galega

Por 17 Xaneiro, 2022Abril 23rd, 2022Sin comentarios

A Xunta ofrece ata xuño 50 actuacións teatrais na área de Ferrolterra a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, das que nas Pontes terán lugar 3. A programación deste circuíto cultural para o primeiro semestre de 2022, organizada en colaboración coas administracións locais, arranca na vila o día 5 de febreiro.

Así, o sábado 5 de febreiro o Auditorio Cine Alovi acollerá a obra de teatro A Lúa vai encuberta, espectáculo de teatro contemporáneo que xurde da colaboración entre as compañías A Quinta do cuadrante e Incendiaria e que terá lugar ás 20.00 horas.

Continuarán o 4 de marzo, no mesmo lugar, ás 21.00 horas, con As que limpan, espectáculo a cargo da compañía A Panadaría.

O ciclo chegará ao final con Pinocchio o día 23 de abril, ás 18.00 horas, tamén no Cine Alovi, un traballo de teatro infantil a cargo de Ghazafelhos.

Máis de 300 actuacións en 40 espazos

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece nesta primeira metade do ano unha variada oferta cultural en 40 dos seus espazos asociados en todo o territorio galego. Sumará 329 funcións escénicas de 128 formacións, a meirande parte delas galegas. Así, entre xaneiro e xuño exhibiranse 159 propostas diferentes de teatro, música, danza, maxia e novo circo, tanto para público adulto coma familiar.

A Xunta de Galicia incrementou un 12,5% o orzamento con respecto a 2021 ao destinar 574.000 euros a este primeiro período da programación anual da RGTA, que se financia ao 50% coas entidades locais xestoras dos escenarios. Deste xeito, o investimento conxunto en contratacións artísticas ata finais de xuño superará os 1,13 millóns de euros.

O calendario de funcións ao abeiro deste circuíto pode consultarse nas axendas das web de Cultura de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).