Skip to main content
Comarca TERRACHÁXAVilalba

Alcaldes socialistas da comarca denuncian a situación de colapso da atención sanitaria en Vilalba

Por 14 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Vilalba, o rexedor de Xermade, voceiros da comarca e parlamentarios socialistas esixiron en rolda de prensa solucións inmediatas ante os graves problemas do centro de saúde de Vilalba e o PAC que atende aos concellos da contorna.

Os socialistas de Vilalba inician unha serie de reivindicacións en materia sanitaria xunto con Xermade, Muras e Cospeito, e respaldada polo Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE, pedindo unha resposta urxente á Consellería de Sanidade e instando ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a que tome as decisións necesarias e dea conta da súa xestión ao estar permitindo o colapso da sanidade pública galega, nomeadamente na comarca da Terra Chá.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, o rexedor de Xermade, Roberto García, e os voceiros socialistas de Muras, Mario Rouco, e Cospeito, Rosa Morán, deron unha rolda de prensa apoiada polo deputado socialista encargado da área de Sanidade, Xulio Torrado, e os parlamentarios lucenses Patricia Otero e Luis Álvarez, para esixir solucións inmediatas ante os graves problemas que está a atravesar o centro de saúde de Vilalba e o PAC que dá servizo a este concello e aos de Abadín, Cospeito, Muras e Xermade.

No caso de Vilalba, cabeza de comarca cunha poboación de máis de 14.000 habitantes, o centro de saúde conta con 11 cupos de profesionais facultativos

de medicina de familia e comunitaria dos que tan só están sendo cubertos 8, situación que obriga a redistribuír os 3 cupos sen cubrir de pacientes, cun resultado de máis de 1.700 pacientes por profesional. O aumento da carga asistencial entre o persoal facultativo evidénciase en xornadas máis longas e repercute negativamente na atención que se presta, sendo os principais perxudicados os veciños e veciñas de Vilalba. Ademais desta situación non resolta, os dous cupos de profesionais de pediatría están sendo cubertos por médicos de familia, e estase a desmantelar a atención especializada que ofrecían os servizos de oftalmoloxía ou reumatoloxía.

A esta situación súmase a sexta vaga da pandemia da Covid-19, cunha necesidade de recursos para aplicar os protocolos que marca a Xunta, cambiantes e sen o apoio que requiren, na que “atopamos un persoal desbordado e esgotado ao fronte dun servizo con parches deseñados desde un despacho e que non dan cobertura aos pacientes, fartos da situación e desatendidos en moitas ocasións”, afirma a alcaldesa, Elba Veleiro. “O centro de saúde deste concello está ao borde do colapso, e a Xunta segue sen reaccionar sendo perfectamente coñecedores da situación”.

Tanto é así, que a solución proposta foi a de solicitar a médicos e médicas xubiladas a incorporación voluntaria para realizar tarefas relacionadas coa situación da Covid, derivando “nunha realidade xa cronificada que pretenden agochar con medidas insuficientes”. Veleiro afirmou que as usuarias e usuarios “continúan denunciando as eivas da asistencia sanitaria sen percibir ningunha mellora, tanto para os casos de contaxios como enfermidades crónicas ou agudas, presentando tamén dificultades para conseguir cita, demora nas mesmas ou cambios de médico que xeran confusións e impiden unha atención correcta”. Tampouco perciben melloras os profesionais, “cun labor asistencial sobrecargado, debendo coller os pacientes dos 3 cupos sen cubrir, e absorbendo tamén a substitución das ausencias derivadas de asuntos persoais, permisos ou baixas puntuais”.

Por todo o anteriormente sinalado, a rexedora vilalbesa define a situación como “insostible”, tanto no centro de saúde como no PAC, esixindo responsabilidades “aos que toman as decisións e impiden o dereito dos cidadáns a recibir unha boa asistencia na sanidade pública, e o dos profesionais a traballar nas condicións axeitadas para desenvolver un labor que require moita responsabilidade por repercutir sobre a saúde e a vida das persoas”.

A esta iniciativa súmase o alcalde de Xermade, que xa fixo públicas as súas críticas pola falta de médicos no rural. Neste concello, dos 3 cupos existentes, a asistencia sanitaria da atención primaria está cuberta por un profesional, variable e que non está fixado ao centro de saúde. Isto provoca que “moitos pacientes se atopen ás veces sen médico”, afirma Roberto García, unha situación “incomprensible que vén dada pola incompetencia da consellería para dar solución ao estado de abandono da sanidade pública”, especialmente nos concellos pequenos do rural que contan cunha grande dispersión poboacional e que precisan de servizos públicos de calidade.

O mesmo ocorre no PAC que atende aos concellos de Muras, Cospeito e Abadín, cunha xestión moi deficitaria que desde a área sanitaria non consegue dar cobertura de persoal que o centro precisa, segundo deixaron constancia os voceiros de Muras e Cospeito. Rosa Morán reivindicou unha vez máis a necesaria reparación dunha consulta do centro de saúde de Feira do Monte, levada a pleno polo grupo socialista e aprobada por unanimidade; “a día de hoxe nada se fixo, nin sequera mirar este espazo nin buscar alternativas”. O abandono dos centros de saúde no rural tamén foi demandado en pleno polo grupo que lidera Mario Rouco en Muras.

Desde o Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE apoian as reivindicacións da comarca despois de multitude de propostas nesta materia, fundamentalmente para a contratación de persoal sanitario con condicións de traballo dignas, dotación orzamentaria adecuada á situación da sanidade pública galega ou as acusacións á Xunta de recortar e desmantelar este servizo que deixa desamparados ás galegas e galegos nun asunto tan fundamental como a saúde.

O deputado Xulio Torrado manifestou que o escenario debullado polos cargos locais deixa con dificultades de cobertura no PAC a unha poboación de case 25.000 persoas, das que 1.800 están en idade pediátrica. “Unha tónica habitual nas políticas públicas implementadas polo Goberno Feijóo, recortando servizos e mirando cara outro lado ante o colapso da sanidade nun momento especialmente complexo”. Nesta liña, Torrado e os deputados lucenses Patricia Otero e Luis Álvarez presentaron unha iniciativa parlamentaria instando á Xunta de Galicia a dotar dos medios humanos e materiais necesarios suficientes ao centro de saúde de Vilalba, e ao PAC que atende aos concellos da contorna para que teña a capacidade asistencia que ten asignada e recupere os servizos que foron surpimidos ou mermados nos últimos tempos.