Skip to main content
Vilalba

Sandra Vázquez defende a xestión e investimentos da Xunta en Vilalba

Por 17 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A voceira popular Sandra Vázquez afirma que a alcaldesa de Vilalba “intenta tapar coas críticas á Xunta a incompetencia do goberno municipal para resolver os problemas do concello”. Así resposta ás declaracións de Elba Veleiro sobre “abandono da Xunta”.

“A incapacidade de xestión de Veleiro está sobradamente demostrada e sábeo”; por iso, a portavoz popular  sinala que “intenta tapar coas críticas á Xunta a incompetencia do goberno municipal para resolver os problemas do concello”.

Os populares din que a queixa de Veleiro e o seu equipo con respecto á Xunta desmóntanse con números. Sandra Vázquez afirma que no 2021 a Administración autonómica dedicou a Vilaba máis de 11,5 millóns de euros. Do total, un millón foi do Fondo de Cooperación Local, mentres que do Fondo de Compensación Ambiental aportou 192.991 euros para a mellora da rede de abastecemento e saneamento da Rúa As Pedreiras; para a renovación do parque infantil, 23.416 euros. Concedeu axudas a asociacións de distinto tipo; as aportacións a empresas totalizaron 203.000; o segundo plan de rescate deixou no municipio máis de 600.000 euros.

Sandra Vázquez lembra ao goberno local que a Xunta destinou case 70.000 euros para a humanización da travesía Os Castros. Ao ámbito educativo dedicou a Xunta no 2021 en Vilalba 1,6 millóns; a estimular o emprego, un millón, cantidade na que se incluíu a aportación para os obradoiros de emprego. Ao Servizo de Axuda no Fogar a Xunta destinou no 2021 1,8 millóns, e tamén aportou para o servizo de atención temperá. Vázquez destaca que pola súa parte a Consellería de Medio Rural apoiou ao municipio con máis de cinco millóns de euros.

Vázquez sinala: “Un goberno que non é capaz de organizarse a si mesmo, mal pode xestionar debidamente o municipio. Levamos tres anos sen aprobar o orzamento e seguimos co do 2019 prorrogado; por certo, foi un orzamento aprobado polo PP e contra o que votaron os socialistas”.

A portavoz popular di que “os socialistas chegaron anunciando aires de cambio e o único cambio real que fixeron foi o cambio de cadeiras”. En Vilalba queda claro unha vez máis que os socialistas utilizan as institucións, máis que para mellorar a vida dos veciños, para a confrontación coa Xunta. Vázquez declara: “É unha pena que non aproveiten o tempo para aprender de como xestiona a Xunta e trasladar o aprendido a Vilalba, porque gañaría moito o municipio, os veciños veríanse moi beneficiados”