Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta faise eco das protestas dos veciños da avenida Terra Chá

Por 21 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Modesto Renda urxirá ó goberno local á mellora do firme dunha vía pública que dá servizo directo a tres garaxes e comunica a Avenida Terra Chá coas rúas Mondoñedo e do Calvario.

Logo dunha xuntanza coas representantes da Comunidade de Veciños Avda. Terra Chá 82/84, Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova iniciativa coa que pretenden dar resposta ás demandas dos seus residentes, pola vía da renovación e mellora do calexón que da acceso ao seu garaxe.   

Coñecida como Travesia Avda. Terra Chá Primeira, trátase dunha vía pública que, ademais de ó citado, dá servizo directo a outros dous garaxes lindeiros e comunica a Avenida Terra Chá coas rúas Mondoñedo e do Calvario.

Dende hai máis de tres anos, estes veciños veñen reclamando do goberno local que se atenda esta solicitude; mais, tal e como lamentou o voceiro da formación, Modesto Renda, “ninguén os está a escoitar.”

Renda, que criticou as “solucións parciais en forma de parche”, como as acometidas no contexto das obras de acondicionamento da Avenida Terra Chá, adiantou que Vilalba Aberta esixirá tamén a inclusión desta “necesaria actuación” na negociación dos Orzamentos para 2022.

Unha opinión compartida pola súa compañeira e vicevoceira da formación, Mª Xosé Fernández, quen non quixo deixar pasar a oportunidade para agradecer a confianza dos veciños/as do edificio para, de seguido, apelar ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello de Vilalba, con vistas a atender unha reivindicación que debera facerse efectiva “na presente anualidade.”