Skip to main content
Vilalba

A biblioteca de Vilalba convoca de novo o Reto Lector

Por 21 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O Concello de Vilalba, a través da súa Biblioteca Municipal, convoca o concurso Reto Lector 2022, co obxectivo de fomentar a lectura e crear o hábito de visitar a biblioteca como espazo público de lecer.

O concurso está aberto a todas as usuarias e usuarios xuvenís e adultos da biblioteca e que sexan socios/as da mesma. No caso de non selo, a solicitude do carné da biblioteca é gratuíta e realízase no mesmo momento.

A dinámica do concurso baséase na selección dun estilo ou xénero literario diferente cada mes por parte da biblioteca. Deste modo, proporase unha mostra bibliográfica en relación co tema de cada mes.

As persoas participantes deberán recoller na biblioteca unha cuartilla na que mensualmente se verificarán as lecturas que realicen e que deben ser títulos da biblioteca. As lecturas de cada temática selaranse dentro do mes que corresponda.

Entre as temáticas deste “Reto Lector 2022” inclúese un libro en lingua galega, un de autoría feminina, unha banda deseñada e un clásico, entre outros. A primeira, no mes de xaneiro, corresponde a unha obra premiada.

As cuartillas que teñan todos os meses cubertos poderán participar no sorteo dunha cesta de libros valorada en 100 euros.

Para participar no concurso, cómpre recoller a cuartilla de participación na propia biblioteca durante este mes de xaneiro e tamén ao longo de febreiro. Así mesmo, poderanse selar as lecturas de xaneiro no mes de febreiro para dar marxe, exclusivamente o primeiro mes do ano. O resto, terán que ir realizando as lecturas mes por mes.

Cando finalice o ano, entregaranse as cuartillas correctamente cubertas o 30 de decembro de 2022, e repartiranse tamén entre os participantes bolsas de tela da biblioteca.