Skip to main content
Vilalba

Feijóo visitou as instalacións de Entrepinares de Vilalba

Por 31 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O presidente destacou o compromiso da Queixería con Galicia, unha fábrica que recolle máis do 6% do leite galego e  que tan só en Vilalba dá emprego a 250 persoas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha nova convocatoria de axudas para apoiar a transformación e comercialización de produtos agrarios que contará cun orzamento de 30 millóns de euros, un 15% máis que na última convocatoria. Este anunciou fíxoo durante unha visita ás instalacións que a empresa Entrepinares ten en Vilalba.

Feijóo destacou o compromiso da Queixería Entrepinares con Galicia, unha fábrica que recolle máis do 6% do leite galego e  que tan só en Vilalba dá emprego a 250 persoas.

Logo de subliñar que entre 2016 e 2020, preto de 400 proxectos recibiron estas achegas, que contaron cun investimento de máis de 100 millóns de euros, Feijóo aseverou que o Goberno galego seguirá comprometido co sector: defendendo os seus intereses na negociación da futura PAC; fomentando a súa profesionalización, a través da formación empresarial; ou coa Lei de recuperación da terra agraria, que permite mobilizar terras abandonadas ou infrautilizadas.

Así mesmo, referiuse ao Plan de pastos de Galicia, no que se está a traballar para recuperar ata 2.250 hectáreas, cun investimento de 9,5 millóns de euros; e ao fomento da entrada dos gandeiros, a través de cooperativas, no capital de novos investimentos industriais.

Nesta mesma liña, recordou que para que o sector lácteo avance e se sitúe á vangarda é preciso a cooperación de todos os axentes da cadea de valor do leite –desde os gandeiros ata os consumidores, pasando pola industria e a distribución-. Ao respecto, pediu novamente á distribución que non utilice o leite como produto reclamo das grandes superficies. Ademais de apostar por  aumentar a industrialización do leite.

“E cara aí vai a estratexia de dinamización do sector lácteo galego, cuxo obxectivo principal é lograr transformar na Comunidade tres de cada catro litros que se recollen, é dicir, o 75% do leite producido”, precisou.

Para acadar este fin, o presidente do Executivo galego avogou por aumentar o peso das denominacións de orixe de queixo galegas na transformación industrial láctea; por seguir impulsando a I+D+i e a profesionalización da industria; e pola captación de investimento industrial na Comunidade.