Skip to main content
Xermade

Enfado en Xermade pola falta de médicos no centro de saúde

Por 11 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O alcalde de Xermade, Roberto García, sumouse ás queixas que se están a repetir no rural galego pola falta de médicos nalgúns centros de saúde. Segundo indica o rexidor, “os veciños atópanse con que non hai médico no concello algúns días”.

Roberto García explicou que anteriormente había tres facultativos no centro de saúde pero agora, mantense un que se vai cambiando segundo as necesidades e que moitas veces deixa o centro de saúde para asistir a unha urxencia ou a atender a alguén na casa “e o resto de pacientes quedan sen atención”.

É algo “moi preocupante” porque se hai calquera urxencia “queda sen atender ou se desvía a Vilalba, pero ás veces o centro de Vilalba tampouco queren atender porque din que dependen do PAC de Xermade”.  A situación agrávase porque en varias ocasións os médicos teñen que marchar á unha do mediodía para facer algunha guardia.

A continuación, precisou que “andan alternando, non hai un médico fixo e iso crea un problema para o veciño porque están afeitos a un médico e cámbiano”. “E o novo ten que estudar todo o historial do paciente e iso é tamén un problema en canto á atención médica”, agregou.

O alcalde de Xermade puntualizou que no Concello hai censadas preto de 1.700 persoas “e un médico é insuficiente”. Lembrou o alcalde que levou este tema ante o Sergas presentando un documento coas firmas de dos veciños pero non se solucionou o problema, “agora aínda é peor”.

Roberto García asegurou que os veciños están “moi enfadados”, en especial a xente maior, que “é a que máis necesita estes servizos”. Engade tamén que “moitos deles vense obrigados a desprazarse a Vilalba desde algunha parroquia polo que poden facer entre 15 e 20 quilómetros”.