Skip to main content
AlfozComarca AMARIÑAXAO Valadouro

A Plataforma de Afectados pola Macrocentral séntese abandoada polas administracións locais

Por 24 Febreiro, 2022Sin comentarios

A Plataforma non permitirá a desinformación e por iso convoca unha reunión informativa este venres 25 de febreiro ás 20.30 horas no pavillón municipal de Alfoz. 

O Concello do Valadouro, a través das redes sociais, convocou para o día 22 de febreiro “unha sesión  informativa dirixida a todos os veciños residentes no municipio onde se expoñerá toda a información que o concello ten á  súa disposición do Documento Inicial da Central Hidroeléctrica Reversible Xistral.” 

O alcalde foi o único representante político que acudiu á reunión con esta tarefa informativa e segundo a Plataforma “se dedicou basicamente a, entre outras distraccións, explicar un novo anteproxecto que lle remitiu a empresa e que actualmente non é o que está en tramitación”. “Tamén salientable que as escasas referencias ao documento en tramitación non se correspondan co que fica accesible na  páxina do Ministerio. Parece que nin empresa nin Alcaldía teñen claro os datos da obra que está na fase de consultas, engaden desde o colectivo. 

“Procede engadir que a este alcalde alguén lle debería explicar que no trámite en curso estáse preguntando ás Administracións afectadas aquela información que consideren que se debe analizar dende un punto de vista ambiental. A documentación publicada para elo cumpre os requisitos formais e considérase suficiente polo órgano competente, menos para o Concello do Valadouro que non  sabemos qué información lle falta para poder manifestarse nesta fase”, din. 

Dentro do impacto medioambiental inclúense as afeccións, entre outras, á poboación. “Tamén é certo que o tema do impacto ambiental non interesa; é o que toca agora, na fase na que estamos, pero o importante son os impostos que cobraría o Concello no hipotético suposto de que se constrúa e os expropiados parece que se farán millonarios; manifestacións na mesma liña da empresa onde o impacto medioambiental non interesa e o importante son os supostos grandes  beneficios económicos”, engaden dende a Plataforma. 

Outra das ocorrencias “foi comparar a obra dunha estrada, obra pública, con esta macro central dunha empresa que evidentemente vén a lucrarse. Aínda que certamente xa estamos acostumados a este tipo de manifestacións imaxinativas, como cando antes das derradeiras eleccións municipais se prometía a creación dunha cooperativa de vivendas, que supoñemos quedaría no seu imaxinario porque nada máis se soubo”. 

Resumindo, non foi quen de aclarar as dúbidas sobre o anteproxecto e a súa tramitación, que basicamente era ao que acudíamos, pero sí a falar doutras moitas para non abordar o importante como pode ser os eucaliptos ao lado das casas (prohibidos dende o ano 2007), sobre a importancia da industria (cando non foi quen de levar adiante o polígono industrial), da paralización do rural pola  Lei 2/2016 do solo (cando as limitacións veñen impostas polo lexislador estatal, e se fixera o seu  traballo e aprobara ou actualizara a normativa municipal habería novos núcleos rurais onde poder  facer vivendas) ou a ausencia dunha residencia xeriátrica pública (cando o goberno provincial do seu  partido está facendo un montón delas, pero para iso hai que ser capaz de levantar o teléfono, igual  aos de Atalaya Generación lles interesa invertir neste sector). 

Noutra orde o BNG do Valadouro propuxo facer un referendo para os empadroados no Concello, xa que non soamente deben opinar os afectados directamente. “Pero chamanos a atención que precisamente a dirección autonómica do BNG,  que tan crítica é coa política enerxética eólica en vigor polo forte impacto no territorio, non se manifeste coa mesma rotundidade sobre este anteproxecto”. 

“Nos pensamos que falar de referendo son palabras maiores, e claro que hai máis afectados que os directos, porque a planificación enerxética afecta a máis xente pero non soamente do Valadouro, senón tamén de concellos veciños como Alfoz e que, ademais, ao final é unha decisión de país”, din.