Skip to main content
BurelaDeportes AMARIÑAXA

O Pescados Rubén Burela feminino, tetracampión de Supercopa

Por 28 Febreiro, 2022Sin comentarios

Fotos: RFEF

A Historia das Guerreiras Laranxas non ten capítulo final. O Pescados Rubén Burela FS converteuse en tetracampeón de Supercopa de España tras impoñerse 2-1 a Futsi Atlético Navalcarnero no Palacio Municipal de Deportes de Jerez de la Frontera. A capitá, Peque, recibiu o undécimo trofeo consecutivo das filas mariñás de mans do presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales, para brindarllo a toda a afección pero especialmente dedicado á memoria dunha das incondicionais da Bancada Laranxa, Ana Nogueira.

Nuns primeiros minutos de toma de contacto entre dúas escuadras cautas foi Ale de Paz quen protagonizou a primeira gran ocasión, ao segundo pau nunha chegada de Peque con unha magnífica resposta de Marta Balbuena. Aos poucos, a prudencia deu paso ás ganas. Irene Córdoba, a pase de Ame Romero, dispuxo dunha con moito perigo pero foi Laura a encargada de subir o 0-1 tras unha boa saída de Jozi Oliveira #ante Anita Luján. As mariñás rozaron o empate chegando ao descanso, a tan só 29 segundos, cun pase longo da meta laranxa a Ale de Paz.

As mariñás igualaron a contenda no regreso cunha gran recuperación de Irene Samper servida a Emilly que buscou á excepcional Peque ao segundo pau; triangulación de libro. Nunha segunda parte na que as Guerreiras atopábanse cada vez máis cómodas e con máis perigo, Cami deulle ao Pescados Rubén a iniciativa no electrónico no minuto 30, nun mísil á escuadra. Peque e Cilene rozaron o terceiro. Tamén o rozou Emilly con case catro minutos por diante e apostou o Futsi con Anita Luján como porteira xogadora #ante un Burela FS impertérrito.