Skip to main content
Alfoz

VIA Alfoz critica a postura do Concello ante o proxecto da central hidroeléctrica

Por 21 Febreiro, 2022Sin comentarios

O grupo político VIA Alfoz vén de criticar a postura do Concello ante o proxecto da central hidroeléctrica reversible Xistral. Membros de VIA Alfoz achegáronse esta fin de semana ao lugar da Grela, un dos barrios afectados pola instalación da balsa inferior preto das vivendas.

Neste sentido desde o Grupo Municipal, Eliseo Lorenzo, voceiro do grupo, di sentirse “cun sentimento de abandono sen precedentes”, xa que as declaracións do alcalde durante a semana, “déixannos cunha sensación de desamparo e orfandade. É máis, se o alcalde non defende os intereses da veciñanza, sendo o máximo representante do pobo, que nos queda? para que queremos tal alcalde?”.

Desde VIA Alfoz considérase que a posta en marcha desta instalación “non sería simplemente o asentamento dunha empresa na nosa contorna, é algo máis que nos afecta a todos e a todas”, por iso é preciso que o Concello, como institución mais próxima, estea ao lado dos veciños e defenda os seus dereitos e intereses.

Efigenia Maseda, de VIA Alfoz, considera que “non se poden admitir as declaracións feitas polo señor Val, na reunión informativa levada a cabo o pasado mércores, nas que se puideron escoitar afirmacións como o Concello non pode facer nada” ou “os alcaldes non poden estar a favor nin en contra da instalación”, entre outras. VIA Alfoz pensa que o “Concello ten moito que facer, empezando por defender os dereitos dos seus veciños e informando con rigor, xa que non se pode permitir que un alcalde non sexa capaz de contestar a unha sola das preguntas que se lla realizaron na reunión informativa”.

Por outra banda, VIA pensa que o alcalde “ten que preocupar de estar ao lado da veciñanza e informalos con transparencia, algo que non está facendo, como quedou patente na reunión do mércores. Ademais, a falta de transparencia está sendo evidente, tras non obter resposta á petición feita para estar presentes na reunión telemática que a empresa Atalaya Generación tivo cos alcaldes afectados polo anteproxecto”, din.

VIA Alfoz considera que desde o Concello se debe pedir a información necesaria tanto a Atalaya Generación, como ao Ministerio de Transición, para concretar os supostos beneficios socioeconómicos que esta instalación lle vai traer ao val.