Skip to main content
Barreiros

Textos de Rosalía lucirán polo Concello de Barreiros

Por 24 Febreiro, 2022Febreiro 25th, 2022Sin comentarios

Libre é o meu corazón, libre a miña alma e libre o meu pensamento que se alza ata o ceo.

Rosalía de Castro saudará a partir de hoxe a todas as persoas que se acheguen a dependencias municipais ou se crucen con vehículos do Concello, cun estrato do texto Lieders, considerado primeiro manifesto feminista publicado en Galicia.

Desde a área de Dinamización, o concelleiro Dani García, explica que a iniciativa “trata de achegar a nosa escritora nacional á veciñanza e ás persoas que nos visiten, facendo visible a unha das autoras galegas máis importantes de todos os tempos. Con esta acción non só queremos dar a coñecer a xa universal escritora, senón poñer en valor a súa mensaxe e adoptala como propia.”

O texto escollido Libre é o meu corazón, libre a miña alma e libre o meu pensamento que se alza ata o ceo, figurará na pasarela de unión dos edificios municipais e nos dous vehículos renovados recentemente para coñecemento xeralizado da poboación e visitantes.
Dani García explica que a escolla non é casual, senón que “queremos transmitir a idea de liberdade que sentía Rosalía e o dereito a soñar cun concello mellor no que calquera persoa poida sentirse libre de soñar, sentir e desexar; tal e como facía a poeta.”

Esta acción vén a sumarse a outras realizadas en anos anteriores co alumnado dos centros de ensino do municipio e ao traballo constante por poñer en valor a literatura e a cultura galega en xeral, así como a mensaxe da propia Rosalía de Castro e doutras figuras galegas.