Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAFoz

Comparsa Sin Xeito de Foz: “Desfrutamos moito do proceso de creación, dende os ensaios aos talleres”

Por 10 Febreiro, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Diferentes imaxes do Entroido dende o primeiro en 1998 aos máis actuais

Por Ana Somoza López.

A comparsa Sin Xeito de Foz leva 24 anos poñendo cor ao desfile do Entroido focego e dalgún máis da comarca da Mariña

Sodes unha asociación, contades con directiva non?

Si, dende que somos asociación temos directiva propiamente dita, formada por 6 compoñentes da comparsa, pero non existe unha presidencia pública.

Cantos membros son?

Actualmente somos 85 compoñentes.

Entre que idades van?

Somos unha comparsa multixeracional, na que contamos con nenas de 3 anos ata mulleres de 61 anos. Hai moitas familias nas que varias xeracións forman parte da comparsa e mesmo chegaron a desfilar xuntos nai, filla e neto.

Cando se fundou ou se creou?

A comparsa Sin Xeito xordeu no ano 1997 como a fusión de dous grupos de carnaval, un infantil e outro de adultas, do que tomaron o nome. O primeiro desfile no que participamos foi no ano 1998, en Foz.

Onde ensaiades as vosas coreografías? Dispoñedes dun local ou no pavillón?

Ensaiamos coreografía e baile en varios sitios ao longo do ano, e ao longo destes anos. Precisamos espazos amplios, e gústanos ensaiar fóra ao aire libre cando podemos e se achega o día do desfile. O Concello de Foz cédenos algún local para ensaiar, así como outras asociacións, como a AAVV de Santa Cilla que nos deixou un local para ensaiar nos últimos anos.

Son unha asociación unicamente dedicada ao Entroido ou fan outras actividades durante o ano?

Somos unha asociación adicada ao Entroido, e iso suponnos traballo para todo o ano. A pesar diso, sempre nos gusta colaborar naqueles actos onde o Concello de Foz require a axuda de grupos de Entroido. Dende a promoción do turismo de Foz ata a Festa Normanda.

Como é o proceso de creación da comparsa?

​O proceso creativo da comparsa non é sinxelo. Aproximadamente un mes despois do Entroido propoñemos ideas para o traxe do ano seguinte, intentando sempre que se podan levar a cabo. Unha vez elexido, un grupo de deseño comeza a parte complicada. Falar coa costureira, conseguir os materiais, e transformar as nosas ideas en algo tanxible.

Canto tempo levan animando o Entroido?

Levamos participando no entroido de Foz dende 1998, polo que, salvando o parón do ano 2021, este será o noso 24 desfile no noso pobo.

Atopan todo o material necesario en Foz, ou nos concellos veciños?

Depende moito dos anos sempre intentamos buscar material preto, porque é máis cómodo se xorde algún problema, pero ovbiamente non é posible compralo todo aquí.

Que é o que máis lles gusta do Entroido?

Sería complicado escoller un momento exacto. Probablemente, como conxunto de comparsa o noso momento álxido sexa o desfile de Foz de principio a fin. Pero tamén desfrutamos moito do proceso ata chegar a el, de facer ensaios, os momentos nos talleres,… e do resto de actos do Entroido como as coplas, a queima, ou os desfiles doutros pobos.

Participan en máis Entroidos na Mariña ou noutras cidades?

En función do ano participamos nuns desfiles ou noutros. Os únicos constantes no tempo son o de Foz e o de Vilanova de Lourenzá. O primeiro por motivos obvios, e o segundo porque non coincide con ningún máis e durante anos foi o último da zona. Aínda así temos desfilado en Viveiro, San Cibrao, San Román, Cervo, Burela, Ribadeo, O Valadouro, Mondoñedo, A Caridá, Taramundi, Trabada, Vilalba, A Coruña, Lalín, e mesmo en Portugal, en Arcos de Valdevez.

Pode avanzar algo de como será este ano?

​A pregunta do millón e a nosa resposta máis repetida. Para saber algo do plan deste ano, invitámosvos o sábado 26 de febreiro, ás 17.00 horas a vir ao porto de Foz e desfrutar do Entroido.