Skip to main content
Mondoñedo

Presentan en San Rafael de Mondoñedo o novo modelo de residencias

Por 11 Febreiro, 2022Sin comentarios

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou o centro residencial San Rafael en Mondoñedo, da asociación Mensajeros de la Paz, para darlle a coñecer as bases do novo modelo en residencias no que está traballando o Goberno autonómico.

Antón Acevedo explicoulle á dirección do centro e aos seus profesionais os catro piares nos que se asenta este novo modelo: a humanización do trato e a formación continuada de todos os profesionais; o aproveitamento do potencial que ten a tecnoloxía; as melloras na coordinación entre a sanidade e os servizos sociais; e as reformas estruturais, que se comezarán a aplicar en todas as residencias de nova construción.

Neste sentido, o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria puxo en valor os avances acadados no proxecto piloto que se puxo en marcha na residencia de maiores da Estrada grazas aos avances tecnolóxicos. Este primeiro centro intelixente mellora o coidado dos usuarios e tamén facilita o traballo diario dos profesionais.

Así mesmo, Antón Acevedo quixo agradecer a todos os traballadores do centro a súa profesionalidade e compromiso na atención e nos coidados dos usuarios, en especial nestes últimos dous anos de pandemia.