Skip to main content
Axenda Caducada

‘Galiza. Un pobo, unha selección’ pode visitarse de novo na Praza de San Marcos

Por 11 Febreiro, 2022Febreiro 14th, 2022Sin comentarios

Xa se pode volver a visitar a exposición “Galiza. Un pobo, unha selección”, trala renovación das lonas. Esta mostra pode verse completa de novo tras os danos provocados por persoas descoñecidas nun ataque que foi denunciado o pasado 1 de febreiro ante a Policía Nacional.

A mostra, que permanecerá na Praza de San Marcos ata o 14 de febreiro, recibiu a visita de alumnado do IES Virxe dos Ollos Grandes interesado nos seus contidos, centrados na historia do deporte galego, na participación de deportistas do país nos Xogos Olímpicos, na traxectoria das seleccións galegas e na mobilización social arredor do dereito de Galizcia a participar con equipos propios en competicións internacionais.

A exposición, organizada por Vía Galega coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, iniciará a vindeira semana unha itinerancia polas comarcas. Así,nos vindeiros meses, pasará por Sarria, Monforte, Chantada, Vilalba, Viveiro, Foz, Ribadeo, Barreiros e Valadouro.

A EXPOSICIÓN

“Galiza. Un pobo, unha selección” está estruturada en diferentes bloques temáticos. O primeiro deles, centrado no dereito a competir, repasa a loita a prol das seleccións deportivas galegas, o peso de Seareiros Galegos desde o seu nacemento nos 90 e a situación de Galiza no mundo deporte, sen representación, en contraposición co que sucede con outras nacións sen Estado que si compiten internacionalmente como Escocia ou Gales.

A selección galega de fútbol é a protagonista do segundo bloque temático, no que se repasa a súa traxectoria desde que disputara o primeiro partido, en 1922 en Vigo ata o día de hoxe, e no que se glosa os logros dos mellores equipos e xogadores do pais, desde o Balón de Ouro Luís Suárez ata Iago Aspas.

O fútbol gaélico tamén protagoniza un dos paneis expositivos, por ser o único deporte no que Galicia compite oficial e internacionalmente propia. Tamén contan con espazo na exposición outros deportes minoritarios nos que Galiza acumula éxitos como o squash, o boxeo, o taekwondo, a loita libre, o tiro con arco ou o xadrez.

A mostra inclúe tamén un panel que repasa o desempeño de deportistas de Galicia nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, desde os Xogos de Amberes en 1920.

A muller e a súa loita pola igualdade tamén contan co seu propio bloque temático, con lendas do pasado como Irene Basanta ou Xulia Vaquero e representantes do presente como Raquel Carrera, Belén Toimil, Ana Peleteiro ou Julia Benedetti.

O triatlón, os deportes acuáticos ou o ciclismo contan tamén con cadanseu bloque temático. Os deportes tradicionais tamén teñen o seu espazo con paneis nos que se bota luz sobre disciplinas propias de Galicia como a bilarda, a chave, a loita galega ou os bolos celtas.

Por último, a exposición tamén afonda na calidade do deporte e deportistas de Lugo, nas disciplinas máis descoñecidas e minoritarias e no mundo do motor.