Skip to main content
Axenda Caducada

Convocado para o 26 o Memorial Eduardo Fernández Villamarín

Por 20 Febreiro, 2022Febreiro 26th, 2022Sin comentarios

O sábado 26 de febreiro ás 17.00 darase a saída ao XIX Memorial de Atletismo Eduardo Fernández Villamarín, Negrín, unha vez que foi aprazada da súa data habitual, a finais de xaneiro, debido á alta incidencia da covid.

A carreira rabadense terá toda a súa actividade central ao redor da Praza de España, onde a partir das 15.30 horas poderán recollerse os dorsais; ás 17.00 dará comezo a carreira dos máis pequenos e ás 17.30 sairán os corredores da categoría absoluta tras percorrer sete quilómetros seguindo o percorrido Praza de España, Alcalde Ángel Penas, Lope de Vega, Jesús Arias, Santa María, Gabriela Nieto, Dr Fleming, Avenida Galicia, Rosalía de Castro, Rúa do Ferrocarril, Avenida de Galicia, Fernando Arias e Praza de España.

A proba divide aos participantes en 5 categorías, dependendo da súa idade e adaptando os percorridos entre os 80 e os 7.000 metros. Os tres primeiros clasificados de cada categoría terán premio e ademais, haberá un trofeo, denominado tamén Eduardo Fernández Villamarín, que se entregará ao equipo que conte con máis participantes que rematen a carreira, así como distincións para o primeiro e primeira corredores rabadenses clasificados na proba absoluta.

Os pequenos recibirán de premio vales para a compra de material deportivo e os adultos premios que oscilan entre os 350 euros para o primeiro e 150 do terceiro, tanto na categoría masculina como feminina.

Ademais, os primeiros participantes da proba absoluta que crucen en primeira posición o sprint intermedio situado ao final da primeira volta e rematen entre os 10 primeiros da clasificación xeral agasallaráselles cun dorsal para a 56 Behobia – San Sebastián, por cortesía de Viajes Almar – JAVO.

Para poder participar é necesario inscribirse antes do 24 de febreiro na web de memorialnegrin.gal.

Eduardo Fernández Villamarín, Negrín, foi un dos fundadores da Sociedade Atlética Rabadense e gran impulsor do deporte na vila e na provincia, e cuxo nome tamén acompaña ao polideportivo municipal.