Skip to main content
Axenda Caducada

‘Inocentes’ de García de Marina chega ao Vello Cárcere

Por 25 Febreiro, 2022Maio 24th, 2022Sin comentarios

A exposición Inocentes, do fotógrafo García de Marina inaugurouse no día de onte no Vello Cárcere. Esta mostra chega ao Vello Cárcere despois de levar exposicións a todas as partes do mundo.

Inocentes poderá visitarse na segunda planta de celas de mulleres do Vello Cárcere, ata o vindeiro 24 de maio. A mostra utiliza a poesía visual como linguaxe vehicular. Inocentes pretende reflexionar sobre os dereitos humanos, falando da conculcación de dereitos, da tortura, da subestimación das persoas pola cor da súa pel, polo seu xénero, pola súa opción sexual, polas súas opinións, etc.

Son 38 diálogos atemporais que poden reflectir o sufrimento da poboación en calquera tempo ou lugar. A mostra tamén evoca esperanza, fala sobre a construción dunha sociedade cimentada no “ser humano” sen apelativos, unha sociedade que non se confina pola diferenza, que crece na diversidade e no respecto.

Como base para a composición das 38 historias utilizáronse dous xogos de xadrez de cristal, un material que pon en valor a fraxilidade e vulnerabilidade do ser humano. O dramatismo das realidades queda aliviado ao non ser representadas de forma explícita, senón a través do simbolismo e a conceptualización. As pezas están representadas nun espazo baleiro, simbolizando o territorio. A nudez do escenario enxalza a fraxilidade e a soidade do ser humano.

GARCÍA DE MARINA

O artista visual García de Marina utiliza o obxecto como medio de expresión desde o ano 2011. O seu traballo xira en torno á intuición e ás ideas, ao surrealismo e ao mundo do subconsciente e dos soños.

Desde o ano 2011, as súas distintas mostras percorreron o mundo, chegando a Rusia, Romanía, Arxentina, Etiopía, Suecia, Myanmar, Estados Unidos, Serbia, Alemaña, Bélxica ou aos Emiratos Árabes, de onde acaba de retirar a súa última exposición na sexta edición do Xposure International Photografy Festival, que acolleu a unha selección de 57 fotógrafos de todo o mundo.

García de Marina está representado por Hang-Up Gallery (Reino Unido), NoonPowell Fine Art (Reino Unido), Flo Peters Gallery (Alemaña), AXRT Contemporary Gallery (Italia), Fanxi Delarue Gallery (Francia), Momentum Fine Art (Estados Unicos), Sozo Gallery (Estados Unidos), Gallery 133 (Canadá) e .M Contemporary (Australia).