Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca SARRIAXA

Os militantes do PSdeG de Becerreá e Sarria recibiron a José Tomé Roca

Por 6 Febreiro, 2022Febreiro 7th, 2022Sin comentarios

O candidato a liderar o PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, continúa as reunións coa militancia coas que está a visitar toda a xeografía lucense. Nestes encontros, que tiveron lugar onte sábado 5 en Becerreá e Sarria, Tomé Roca explica aos militantes o seu proxecto para o partido e escoita as súas opinións e propostas. A iniciativa, baixo o nome de Camiñamos Xuntos ten como obxectivo preparar o Congreso Provincial que se celebrará o próximo 20 de febreiro.

No mediodía, o socialista reuniuse en Becerreá coa militancia do municipio nunha xuntanza á que tamén estaban invitados os militantes de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Cervantes, Navia de Suarna, Baralla e Folgoso do Courel. A continuación, Tomé Roca compartiu a tarde do sábado coa militancia de Paradela, O Incio, Samos, Triacastela, Láncara e Sarria, nunha reunión neste último municipio.

Como fixo en anteriores ocasións, o socialista trasladoulle á militancia que pon á disposición do partido toda a súa “experiencia política, tanto orgánica como institucional” para darlle un impulso ao socialismo na provincia. Neste senso, Tomé Roca explicou aos asistentes que a súa proposta se basea “na capacidade de traballo, de organización, de propostas e de dinamismo”.

Subliñou tamén a forza socialista na provincia de Lugo, “onde gobernamos en 28 municipios, entre eles a maioría das grandes vilas e cidades, e tamén a Deputación”. Unha boa situación que, segundo sinalou o socialista, só poderá consolidarse e mesmo mellorar, “se hai unha inmensa maioría unida en torno ao proxecto do partido socialista”.

“Como partido, debemos manter unha mensaxe de unión. Precisamente, por iso, é tempo de mirar cara adiante. Non podemos perder tempo falando do pasado”, engadiu.

Para lograr isto, Tomé Roca fixo un novo chamamento á importancia da militancia, no centro do seu proxecto. “Debemos ensanchar as bases do partido, porque iso permitirá que os socialistas de Lugo sexamos determinantes unha vez máis”, indicou respecto ó papel da provincia a nivel orgánico.

O candidato a liderar o partido a nivel provincial ten estes días os últimos encontros coa militancia. Mañá, domingo 6 de febreiro, estará en Vilalba, mentres que o martes visitará A Fonsagrada e Pol.