Skip to main content

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan neste 2022 as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, contan cun orzamento de 13,12 millóns de euros (1,33 millóns asignados a este ano e 11,79 millóns para o 2023), que permitirán actuar nunhas 7.000 hectáreas de superficie.

A bianualización do presuposto asegura unha necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal. Cabe lembrar que segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo, polo que esta concesión de axudas públicas reforza o compromiso da Consellería do Medio Rural coas políticas de emprego activo no sector forestal da nosa comunidade. 

O obxectivo estratéxico desta axuda pública enmárcase no recollido no Plan Forestal de Galicia 2021-2040, especificamente no fomento dunha nova arquitectura verde a prol da sustentabilidade, de prevención, de multifuncionalidade e da posta en valor dos montes co fin de que constitúan a cerna dun sector forestal que se consolide como unha actividade rural identificativa de Galicia. Para acadar os devanditos fins, esta orde establece dúas liñas de axuda.

Por unha banda, subvencionaranse tratamentos silvícolas como rozas, desmestas, rareos e podas para previr incendios incluíndo, por primeira vez, as rozas en masas de coníferas que inclúan o aproveitamento de resina, dirixidas á creación de descontinuidade tanto horizontal como vertical. Tamén como novidade, financiaranse accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, especificamente en exemplares de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra) nas provincias da Coruña e Lugo.

Por outra banda, haberá axudas para realizar rareos, desmestas, podas, cortas de formación ou rozas, e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo. Nesa liña, subvencionaranse tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 30 centímetros e a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 50 pés/ha.

Canto aos beneficiarios, poderán solicitar estas axudas as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de subvención, maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común pero tamén as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, sociedades de fomento forestal e agrupacións forestais de xestión conxunta, así como propietarios particulares. No que respecta ás accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, tamén poderán ser beneficiarias as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados desde mañá, día seguinte ao da publicación desta orde de axudas no DOG.

Balance

A Xunta repartiu preto de 67,2 millóns de euros entre os anos 2016 e 2021 no marco destas axudas da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Este investimento público, distribuído entre 2.621 beneficiarios, permitiu actuar en 36.653 hectáreas de terreo con accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais.

Cabe engadir que estas axudas se enmarcan nos obxectivos do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” que inciden na contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais, que recollen medidas tendentes a fomentar a aplicación dunha silvicultura activa. Tamén se engloban nas medidas relacionadas cos recursos forestais e a cadea monte-industria, que apuntan á implantación de tratamentos silvícolas que favorezan o crecemento da masa, entre outros.

Enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220224/AnuncioG0426-100222-0004_gl.html