Skip to main content
Antas de Ulla

Antas de Ulla: Ruta ao muíño da auga

Por 21 Febreiro, 2022Febreiro 22nd, 2022Sin comentarios

Este roteiro ao Muiño do Corgo, situado na parroquia de Vilapoupre, conta con 9 km (ida e volta) que se recomendan facer a pé ou en bicicleta. Nesta ruta visitarase un antigo muíño de auga. Este tipo de “industrias” tiveron unha vital relevancia no desenvolvemento económico da posguerra.

A base da cobranza do canon que consistía nunha porción de gran ou de fariña (a maquía), o molinero culminaba un proceso que se iniciaba co traballo da terra, a semente, recolección e a malla. E nesa transformación do gran (millo, centeo e trigo) empregábase unicamente a enerxía hidráulica que movía as pesadas pedras do muíño.

A maior parte da ruta será por estradas ou camiños asfaltados.

Partirase dende a Praza do Concello de Antas, con dirección Norte, pola rúa do Xeneral Portomeñe (estrada de Alvidrón). Afastados das últimas casas da vila, con non máis de 0,7 Km percorridos penetrarase no lugar coñecido como “Campo das Antas”; de vexetación frondosa e abundante, que acompañará en boa parte do percorrido.

A ruta continuará pola mesma vía, deixando á esquerda o desvío para Cervela no Km 1,7 e 100 metros máis adiante será o de Vilapoupre o que se deixará á dereita.

Descenderase a pronunciada pendente ata tomar o desvío á dereita con dirección a Mancegar (Km 2,4). Polo estreito camiño asfaltado chegarase en pouco máis de 400 metros ás primeiras casas da aldea. Entre elas tomarase primeiro á esquerda e logo á dereita para penetar na aldea. No Km 3, preto dun pequeno arroio, continuarase á dereita, deixando atras Mancegar para chegar ao lugar de Alvidrón de Outeiro (Km 3,5), que a pesar de asumir o nome de Alvidrón, pertence á parroquia de Vilapoupre.

A espesura e frondosidade da vexetación continuará acompañando ata Portocarreiro (aldea na que se atopa o lugar de descanso coñecido como “A Casa da Terra”, que se encontra á esquerda cando se continua pola estrada).

Pouco despois de exceder Portocarreiro, no Km 4,4 do percorrido, deixarase o asfalto para tomar o camiño de terra que hai á esquerda. A vexetación tórnase máis arbustiva e conífera. En tan so un km a variación de flora resulta espectacular, dando fe da riqueza da zona.

Con pouco máis de 300 metros xa se estará á beira do río, que neste punto corre presuroso en dirección Norte.

A primeira construción que se atopa (na marxe dereita do río) é un refuxio de pescadores (tutelado pola Asociación de Pescadores da Ulloa), que habitualmente está aberto, podendo resgardarse da choiva ou do frío e, mesmo, facer uso del para alimentar os corpos dos camiñantes ou ciclistas (se se leva algún tentempé).

Xusto sobre a ponte, de pedra e formigón, que cruza o rio, pódese observar o Muíño do Corgo. Trátase dunha construción de cantería, con dúas plantas e cuberta a tres augas. Desde esta privilexiada posición poden observarse con claridade as dúas buxas (pezas de desaloxo da auga que xa se empregou como fonte enerxética do muíño) coas que conta esta construción.

(Hai que lembrar neste punto que se trata dunha propiedade privada; polo que convén facer un chamamento ao sentido común no sentido de saber conxugar o dereito de uso e goce da ribeira co de máximo respecto á privacidade.
Tamén unha indicación do autor do roteiro para reiterar o especial coidado no lugar se nos acompañan nenos; xa que a proximidade do río e, sobre todo, da presa do muíño; poden resultar lugares de especial atracción para eles, co risco que comportan).

Logo farase o camiño de volta.
Para iso volverase sobre o camiño de terra ata atopar novamente o asfalto (Km 5,1), lugar no que desta vez tomarase á esquerda e seguirase a estrada ata que achegue a Vilapoupre (Km 6). Correrase polo medio da aldea ata que se atope cun cruce de 4 camiños (km 6,4), no que se tomará o do medio (de fronte), deixando á esquerda unha leira cun hórreo de tres claros sobre cepa de cachotería e, por detrás do hórreo, queda tamén a Igrexa de San Martiño de Vilapoupre.

Continuarase sobre este estreito e asfaltado camiño ata que no Km 8,1 se volva dar coa estrada de Alvidrón, moi preto do cemiterio parroquial de Antas e á beira dunha pequena área de descanso con carballos centenarios e pequenas mesas de pedra.

Continuarase á esquerda pola xa coñecida estrada, que levará ao momento de partida.