Skip to main content
Antas de Ulla

A Deputación de Lugo cederá uns terreos ao Concello de Antas de Ulla

Por 13 Febreiro, 2022Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que a institución provincial entregará gratis ao Concello de Antas de Ulla os terreos destinados a un polígono industrial, unha infraestrutura que non puido desenvolver porque a entidade local non fixo a recualificación necesaria das parcelas como solo industrial, un paso que é imprescindible para poder sacar adiante o parque empresarial e que continúa sen producirse.

José Tomé avanzou que a proposta de cesión gratuíta das parcelas de titularidade provincial ao Concello de Antas será elevada para a súa aprobación ao Pleno ordinario que se celebrará o día 22 de febreiro.

O informe técnico da Secretaría Xeral da Deputación que basea esta proposta recolle que con data de 12 de febreiro de 2007 asinouse un convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo, SUPLUSA e o Concello de Antas para a construción dun polígono nos terreos, establecendo o acordo a obriga da Sociedade Urbanística Provincial de elaborar a documentación técnica necesaria para que a entidade local tramitase o procedemento de aprobación do plan especial, preciso para a clasificación do solo como urbanizable industrial, sendo obriga do Concello de Antas tramitar este planeamento.

SUPLUSA cumpriu coa súa parte do convenio e redactou a documentación técnica necesaria para que o Concello puidese tramitar o instrumento de planeamento preciso para desenvolver o polígono industrial.

Sen embargo, o Concello de Antas de Ulla incumpriu o convenio porque fixo mal a tramitación e non aprobou a día de hoxe o devandito plan urbanístico.

INCUMPRIMENTOS DO CONCELLO
Desta forma, despois da aprobación inicial do plan polo Pleno en xullo de 2008 e de que o expediente finalizado se lle enviase no 2010 ao Concello para a súa aprobación provisional, en SUPLUSA non consta que procedese á mesma nin que dese ningún paso máis.

O Concello tampouco non contestou a un escrito que lle mandou SUPLUSA en marzo do ano 2012 solicitándolle novamente información sobre a xustificación de necesidade de solo industrial que pedía a Xunta de Galicia, a través da dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, dada a existencia do polígono industrial de Monterroso, a menos de dous quilómetros. É dicir, a propia Xunta puxo en cuestión a necesidade deste polígono en Antas.

Para a aprobación provisional do Plan Especial por parte do Concello de Antas, non consta no expediente o seguinte:

A solicitude dos informes sectoriais, legalmente esixidos. No expediente e na documentación completa do Plan só se inclúen os informes de Augas de Galicia e do Ministerio de Fomento, sendo obriga municipal, de acordo co convenio, a solicitude de ditos informes.

A remisión dende o Concello dos documentos de participación pública e consultas. No expediente non constan as datas nas que se deu publicidade ao planeamento, que debería ter feito o Concello de Antas, no caso de foran realizadas.

Ante esta “desfeita” do Concello, o Presidente asegura que a Deputación cederalle gratis os terreos destinados ao polígono.

A entidade local solicitou esta entrega indicando que pretende pedir fondos europeos para materializar o parque industrial, algo que en todo caso non será posible mentres o Concello siga sen aprobar o plan urbanístico municipal para recualificar os terreos.

CONDICIÓNS
As parcelas que a institución provincial cederá gratuitamente ao Concello de Antas de Ulla son un total de 16, que suman unha superficie de 45.226 metros cadrados.

A Deputación vincula esta cesión á implantación dun polígono industrial ou agroforestal no concello solicitante, tendo en conta que os fins para os cales se outorga a cesión deberán cumprirse no prazo máximo de 5 anos, debendo manterse o seu destino durante os 30 anos seguintes. Os bens cedidos reverterán, no seu caso, ao patrimonio da Deputación.