Skip to main content
A Fonsagrada

O Centro de Atención aos Maiores da Fonsagrada celebra o seu segundo aniversario

Por 13 Febreiro, 2022Febreiro 14th, 2022Sin comentarios

Residentes e traballadores do Centro de Atención a Maiores (CAM) da Fonsagrada celebran esta fin de semana o segundo aniversario desta residencia da Deputación de Lugo. Entre as diferentes actividades organizadas, as persoas usuarias desta dotación social participaron nunha obra teatral escrita pola terapeuta ocupacional do centro, na que representan como organizan unha comida ás agachadas co butelo como principal protagonista.

Todo o persoal do centro quedou implicado na preparación da obra A Feira do Butelo, axudando de diferentes maneiras na súa montaxe. Os decorados foron realizados cos mellores produtos gastronómicos da comarca: butelo, queixos, mel, cachola ou chourizos; e a música da obra pertence ao músico fonsagradino César Fernández, actualmente usuario do centro.

Música, baile e unha entrega de premios para recoñecer o labor levado a cabo polas persoas usuarias na obra serán algunhas das actividades celebradas esta fin de semana para conmemorar este aniversario e os residentes tamén desfrutarán dun menú especial a base de butelo.

Para protexer a saúde dos usuarios e das usuarias, nas actividades organizadas participarán unicamente os convivintes e o cadro de persoal, aínda que familiares e amigos recibirán a gravación da representación teatral.

REDE DE RESIDENCIAS
A Deputación ten en funcionamento 7 residencias na provincia: Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira. A institución conta cun modelo baseado na esencia de que as persoas poidan permanecer no concello ou comarca na que pasaron toda a súa vida, rodeadas de caras coñecidas e residindo con veciños e veciñas. Un feito que mantén o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade, tendo en consideración que estas características intrínsecas do modelo afectan moi positivamente ao seu benestar físico e emocional.