Skip to main content
A Fonsagrada

A XXV Feira do Butelo da Fonsagrada terá lugar esta fin de semana

Por 17 Febreiro, 2022Sin comentarios

O Pazo de San Marcos acolleu hoxe, xoves 17 de febreiro a presentación da XXV Feira do Butelo da Fonsagrada, que terá lugar esta fin de semana, o 19 e o 20 de febreiro, neste concello da Montaña Lucense. A institución provincial colabora coa celebración desta cita gastronómica cunha achega de 6.000 euros do Plan Único de Cooperación cos Concellos.

Este ano a cita cumpre 25 anos cunha edición que será significativa e moi especial. A festividade celebra as Vodas de Prata ao mesmo tempo que recupera o seu formato de sempre, o presencial, logo de que o ano pasado se fixese unha versión dixital con motivo da pandemia.

José Tomé Roca afirmou na presentación que “A Fonsagrada volverá acoller a milleiros de persoas para celebrar a Feira do Butelo e para degustar este produto de tanta calidade e tan exquisito, que é un emblema do bo facer do noso sector primario”.

Nas súas palabras eloxiou a todas as persoas que traballan para facer posible o butelo, como son os gandeiros e gandeiras, as empresas cárnicas, as distribuidoras e á hostalería do municipio e da comarca da Montaña. “Son empresas que crean emprego e que crean oportunidades no rural, que lle dan vida no presente e que apostan polo seu desenvolvemento no futuro”, subliñou. Lembrou, así mesmo, que a Deputación é un importante apoio para o tecido empresarial da provincia, e que dende o inicio da pandemia se reforzou con importantes medidas que se puxeron en marcha baixo o paraugas do Plan de Impulso da Economía da Provincia. “Fixémolo porque son as pemes e os autónomos os que manteñen a actividade económica no rural, os que aportan unha importante porcentaxe ao PIB da provincia e, sobre todo, os que resultan imprescindibles para manter o equilibrio territorial”.

O BUTELO COMO ESTÍMULO DA ECONOMÍA LOCAL
Esta cita serve para a promoción e o estímulo dun produto local que é fundamental para dinamizar a comarca e o rural lucense, que nestes tempos de pandemia, se debe aproveitar para que o mundo mire máis cara o rural como exemplo de vida saudable e de produción sostible.

A Feira do Butelo, declarada de Interese Turístico Galego, destaca por ser unha cita imprescindible para os veciños e veciñas de Lugo, pero tamén para persoas chegadas doutros territorios de Galicia e mesmo de Asturias. “A gastronomía e o turismo cambian constantemente, por iso é necesario facer o que está facendo o Concello da Fonsagrada: atopar novas formas de poñer en valor aquelo que sempre estivo con nós”, salientou o presidente da Deputación.

A institución provincial achega ao Concello da Fonsagrada 444.285,24€ a través do Plan Único deste ano 2022 para desenvolver distintas actuacións e mellora de infraestruturas, como a Feira do Butelo, para manter e aumentar os servizos e infraestruturas e crear emprego, entre outras.

PROGRAMA FEIRA DO BUTELO 2022
A carpa que acollerá a Feira do Butelo, instalada na Praza do Concello, abrirá este sábado e domingo, de 10.00 a 20.00 horas con 70 postos e 8.000 quilos de butelo. O sábado, ás 12.30 horas, terá lugar a inauguración e unha posterior visita ás instalacións. O domingo, ás 12.30 horas, actuará o grupo de música tradicional Illa Pancha, ás 13.00 horas, será a entrega da distinción Butelo de Ouro, que este ano recae en María del Carmen Asunción Gómez Álvarez e Miguel Ángel Martínez Martínez; e ás 13:30 horas terá lugar actuación da Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros.