Skip to main content
Lugo

Entrevista: “Aspiramos a seguir consolidando deportistas no ranking galego de taekwondo”

Por 27 Febreiro, 2022Febreiro 28th, 2022Sin comentarios

O Club Deportivo Biosbardo é un club moderno e actualizado centrado no deportista e no benestar que ofrece running e taekwondo. Está ideado para todo tipo de persoas, aquelas que buscan algo tan sinxelo como camiñar, aquelas outras que buscan manterse en forma ou as que prefiren competir. O propio deportista é o que marca o seu ritmo co fin de que a realización de exercicio sexa un desfrute na persoa.

Falamos con Enara Fernández, presidenta do club e Iván Sangiao, secretario.

Como naceu o club?
Nacemos en febreiro de 2016, xuntándonos un grupo de persoas coa idea de crear unha entidade que dera tódalas facilidades ós deportistas. Afiliámonos á federación galega de taekwondo e mercamos todo o material preciso para a práctica incluídos máis de 100 metros cadrados de “tatami”. Un dos nosos socios por aquel entón cedeunos un baixo onde comezamos a adestrar os primeiros meses.

Xa dende 2017 temos actividade no Pazo dos Deportes de Lugo e dende 2018 estamos afiliados tamén á Federación Galega de Atletismo tendo agora mesmo deportistas de tódolos recunchos de Galicia.

Como sobrevive un club destas características?
Contamos coa colaboración de entidades privadas, un patrocinador: Plastifer; e dous colaboradores: Cafetería Río Sil e Clínica Veterinaria O Salnés; así como, ó igual que o resto das entidades deportivas, concursamos publicamente nas axudas que as administracións convocan.

O máis difícil é a xestión dunha instalación para Taekwondo

O máis difícil é a a xestión dunha instalación para Taekwondo posto que se precisa de moito espazo, dende 2017 parte da nosa actividade realízase no Pazo dos Deportes grazas á colaboración da Deputación de Lugo.

Na modalidade de atletismo as nosas especialidades son ruta e trail, polo que ó desenvolverse nun medio natural temos máis facilidades, ó tempo que os nosos atletas fan uso das instalacións municipais do Concello de Lugo. Debido ás restricións da pandemia si que pode producirse algunha dificultade pero sempre se resolve.

Que deportes ofrece?
Dispoñemos de dúas seccións diferentes: Taekwondo e Atletismo.

Para que idades son as actividades?
Cubrimos tódalas franxas de idade, dende a base ata veteranos.

Nas sesións de taekwondo non realizamos actividade dirixida con menores de 14 anos, posto que hai ximnasios en toda a provincia con persoal que se adica a esta actividade. Mantemos así un círculo simbiótico con tódolos axentes deportivos da nosa contorna. O noso modelo de actividade vai máis aló: proxecta ás categorías base, con reforzo na adolescencia e os acompaña na vida deportiva adulta.

Como se presenta esta tempada?
Aspiramos a seguir consolidando deportistas no ranking galego de taekwondo. Por exemplo, Jose Luis Rodríguez leva 4 anos consecutivos como nº1.

Na modalidade de atletismo, temos gran relevancia no trail-running onde este ano aspiramos duplicar o número de participacións do ano anterior que xa foi potente.

Cales son os obxectivos a conseguir este ano?
Aspiramos a ampliar a nosa base social e o noso núcleo de deportistas activos. Para nós, deporte e saúde van da man, polo que fomentar a práctica de actividade, os hábitos de saúde e a presencia en competicións é algo que vai no noso ADN. O noso principal obxectivo é multiplicar a participación e por suposto, se os resultados acompañan moito mellor.

Ledicia e perseveranza

Cales son os valores fundamentais do club?
Ledicia e perseveranza.

Gústanos transmitir e contaxiar ledicia en tódalas actividades, desfrutalas independentemente do noso obxectivo ou nivel. Por outra parte, poñemos en valor a perseveranza, a constancia do día a día para aspirar a conseguir os nosos soños.

O noso enfoque como club: de conseguir trasladar o deportista de base á competición sénior fai que estes dous valores sexan cruciais.

Que principios move aos deportistas?
O principal é desfrutar. Os nosos deportistas comparten este principio entre todos, dende o adestramento máis sinxelo ata a proba máis dura. Cada paso ten que ser que levar parello esixencia e pracer, con independencia do nivel de cada deportista.

Con logros nacionais e internacionais

Cal é o maior logro do club?
Na actualidade contamos con resultados dende nivel autonómico ata internacional nas dúas modalidades, en moitos casos froito de moitas horas de traballo e sacrificio, é difícil destacar un en particular porque nós valoramos todo o traballo que hai detrás: o traballo colectivo é sen dúbida o maior logro deste club.

Cal é o maior desafío ao que se enfrontou o club?
Sen dúbida poder contar con instalacións para a práctica de Taekwondo. Fomos conscientes da gran cantidade de instalacións deportivas que están sen uso e da cantidade de impedimentos que se dan, toda unha paradoxo. Neste club somos máis de dar solucións, facer propostas e avanzar.

A Covid fixo mella no deporte

Como está a afrontar a situación que xera a Covid 19? En que afectou?
Baixou moito a actividade deportiva principalmente. Nós tivemos que adaptarnos ós protocolos da xunta en todo momento e tamén asesorar ós nosos deportistas. Mudou a nosa actividade por completo, o volume, os aforos e as posibilidades para realizar actividades colectivas, aínda que sexa ó aire libre.

Estamos bastante orgullosos do comportamento de tódolos nosos deportistas e socios neste aspecto.

Cantos deportistas ten na actualidade?
Contamos cunha carteira de case medio centenar de deportistas nas dúas modalidades, todos con licenza nacional.

Que actividades realiza a maiores dos adestramentos e competicións?
En 2021 por iniciativa de Marcos Codesal, un dos nosos atletas, realizamos unha carreira solidaria virtual para colaborar co banco de alimentos. Tamén colaboramos activamente promovendo os nosos deportes coas asociacións e institutos da contorna así como nos campamentos de verán.

Temos tamén un nutrido grupo de xente que participa activamente en andainas e actividades no medio natural.
Na época estival organizamos cada ano unha xuntanza, coincidindo con algunha festa popular da contorna que mistura deporte, cultura e convivencia. Por mor da pandemia levamos dous anos sen facela.

O Taekwondo é un deporte minoritario hai moita rivalidade na cidade?
É un deporte moi minoritario, sobre todo se nos comparamos co resto de Galicia. Nos últimos dous campionatos galegos absolutos de técnica fomos o único club de Lugo con presencia.

Gustaríanos que co tempo este deporte medrara e aparecese unha rivalidade saudable e moita competición na nosa cidade, iso é moi positivo posto que axuda a subir o nivel e por tanto ser máis competitivos.

Na última edición do campionato galego o C.D.Biosbardo tivemos dúas medallas, gustaríanos ver a medio prazo como a cidade consigue máis podios, sexan do Biosbardo ou dos clubs da comarca, sería un sinal de que o noso deporte goza de boa saúde.