Skip to main content
Lugo

Feísmo urbanístico a cambio de que?

Por 6 Febreiro, 2022Febreiro 7th, 2022Sin comentarios

A falta de ordenanza reguladora impide que o Concello poida cobrar polo uso destes espazos.

Os valos publicitarios da cidade de Lugo foron os protagonistas de inmensas novas e debates durante os últimos 15 anos. Isto débese a que non se sabe exactamente cal é o procedemento a seguir para poder montar un valo publicitario. Na actualidade, mantense a mesma incógnita pero cos valos publicitarios da cidade multiplicados en número.

A creación dunha normativa suporía un beneficio para a sociedade lucense, axudaría a eliminar aqueles valos que están en estado irregular e que poden supor un risco para os veciños. Evitaría a actuación dos piratas dos valos, teríase un maior control destas estruturas anunciadoras e, polo tanto, poderíase resolver en boa medida o feísmo que supón para a cidade. A maiores, suporía un beneficio económico para o Concello coa explotación dos chans públicos e o cobro das taxas.

Un valo publicitario ou un panel publicitario, é unha estrutura de publicidade exterior consistente nun soporte sobre o que se fixan anuncios que promoven empresas, actividades ou demais actos. Os valos convertéronse en parte habitual da paisaxe urbana e interurbana presentando anuncios ou mensaxes de propaganda.

En Lugo, non existe unha ordenanza específica que regularice este tipo de instalacións. Tan só existe unha normativa en canto á colocación nas estradas, onde están vetadas deixando así ás comunidades autónomas a súa ordenanza. Pola súa parte, Galicia delega esta labor aos concellos dentro dos términos municipais e cascos urbanos. Desta forma, sería o Concello de Lugo o encargado de que estas estruturas cumpran unha normativa que apoie o control dos valos e a seguridade dos mesmos.

O problema radica en que esta regulación é inexistente no Concello, tan só hai unha orde municipal que prohibe a instalación destes elementos publicitarios na zona Pepri, tampouco se poderán colocar na contorna do Camiño Primitivo, segundo determina o PXOM e, seguindo a Lei do Solo tampouco poderán ser situadas en chan rústico, xa que este uso non aparece definido. Foi no ano 2015 cando a estas prohibicións se sumou a relativa á Lei de estradas,.

O Pepri é o Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior do Recinto Amurallado de Lugo. O artigo 52 sobre a regulación da publicidade exterior prohibe a fixación directa de carteis publicitarios sobre edificios, muros valos e cercas e a fixación de soportes exteriores ou bastidores exentos ou luminosos en valos, rúas, prazas, sobre edificios, cornixas ou tellados, en xardíns ou parques públicos ou privados ou en illas de tráfico.

Por outra banda, a Lei do Solo marca no artigo 91 de adaptación ao ambiente e protección da paisaxe que as construcións e instalacións deben adaptarse ao ambiente no que sexan localizadas polo que queda prohibida a publicidade estática que polas súas dimensións, emprazamento ou colorido non cumpra as anteriores prescripcións.

O artigo 37 da Lei de estradas mantén que fora dos tramos urbanos, queda prohibida a colocación, fixa ou provisional de carteis ou outros elementos publicitarios que sexan visibles dende a zona de dominio público da estrada. Este veto supón unha maior seguridade para o condutor evitando así as distraccións e mantendo a concentración na estrada.

Isto deixa un baleiro legal no resto dos escenarios onde non hai nada que impida a colocación de valos publicitarios. A isto, súmase que na cidade tampouco hai unha regulación das características que debe seguir un valo e o procedemento da súa instalación, creando situacións de inseguridade e risco tanto para a circulación viaria, como para os viandantes. Ademais, son un elemento que desvirtúa a contorna e lle resta beleza paisaxística.
En Galicia, cidades coma Coruña e Santiago de Compostela contan cunha ordenanza municipal que regula a instalación e as características dos valos publicitarios.

No caso da Coruña, esta ordenanza municipal está en vigor dende o ano 1988 o que lle outorga a cidade maior control e seguridade sobre as estruturas. Nesta ordenanza inclúese as condicións dos emprazamentos da publicidade, as condicións dos elementos publicitarios e o réxime xurídico dos actos da publicidade.

A ordenanza de Santiago de Compostela que data de 2012 ten por obxecto a regulación do exercicio da actividade publicitaria visible desde os espazos públicos de xeito que esta se desenvolva dentro do respecto e mellora do valores da paisaxe urbana, do medio ambiente, do patrimonio histórico-artístico e natural, en suma, da imaxe da cidade de Santiago.

Na provincia de Lugo destaca o caso de Foz que recentemente retirou dous valos que non estaban regulados e, que ademais, supoñían unha perda de embelecemento da vila.

“DESINTERESE POR PARTE DAS ADMINISTRACIÓNS”

Dende o sector afirman que “a carencia de ordenanza municipal en Lugo é reflexo do desinterese que mostran as administracións no sector”. Isto fíxose patente fai xa cinco anos cando tras un intento de regulación, a rexedora da cidade mantivo un encontro co colectivo. Despois desta reunión o colectivo de publicidade lucense elaborou un dossier e proxecto de normativa moi concreto e acorde as necesidades do sector, elaborado por profesionais. Este traballo foi presentado ao Concello como se lles pedira e despois de cinco anos, aínda non obtiveron resposta.

A regulación destes elementos é unha reivindicación que levan solicitando as axencias de publicidade da cidade dende fai máis de 15 anos. Por que non se da resposta a unha demanda do colectivo onde todos sairían beneficiados?

SEGURIDADE PARA OS CIDADÁNS
A montaxe dun valo publicitario seguro precisa dunha entidade, sociedade ou actividade profesional especializada no sector con seguro de responsabilidade civil, unha estrutura homologada segundo os criterios do terreo, unha montaxe por un técnico especialista, un terreo público ou privado e a maiores precisaríase dunha autorización da entidade administrativa competente. Esta última é a que supón maior dificultade en Lugo ao non haber un texto regulador do sector, dando oportunidade a que a situación se descontrole e se multiplique o número de estruturas anunciadoras na cidade.

Esta falta de regulación supón que empresas non especializadas instalen valos creando situacións de risco e perigo ao non ter os criterios e as medidas de seguridade oportunas. T­amén fomenta que existan os piratas dos valos publicitarios, que son aqueles entes que realizan un contrato de instalación e posteriormente desaparecen, deixando de pagar aos donos dos terreos e levando a cabo unha actividade pouco segura e pouco ética que desampara totalmente aos propietarios deses terreos.

PERDAS ECONÓMICAS PARA O CONCELLO DE LUGO
A maiores, a falta dunha regulación supón unha perda na recadación municipal. O habitual na maioría dos concellos do territorio español é que paguen unha taxa correspondente pola concesión das licencias para a instalacións dos valos e, ademais, os anunciantes, paguen un prezo estipulado, normalmente de carácter mensual, pola presenza dese anuncio. Desta maneira establécese un tempo determinado no que a propaganda permanecería nunha localización específica.

En Lugo, algúns dos valos pagaron licencia de obra. Porén, a colocación da maioría foi de maneira gratuíta, acción coa que soamente se beneficiaron as empresas privadas ao supor unha perda de ingresos por parte do Concello. Ao carecer de normativa, non se cobran taxas pola realización deste tipo de actividade e tamén se está deixando de ter unha importante recadación de carácter municipal pola explotación do chan público. Coa inmensa cantidade de valos publicitarios cos que conta, a día de hoxe, a cidade de Lugo, os ingresos suporían unha mellora na calidade dos veciños. Desta forma, estas estruturas tan só suman elementos que afean a contorna e estorban á vista.

Coa creación dunha ordenanza, como se fai noutros territorios veciños, estaríase estipulando unha serie de medidas e características que obrigaría a manter o anuncio durante un período de tempo determinado, evitando así a situación de abandono que teñen algúns dos valos da zona e, ademais, cobraríase pola actividade, obtendo uns ingresos que se sumarían aos orzamentos do Concello. Un maior capital implicaría poder ofrecer mellores servizos, infraestruturas e xestións aos seus veciños, axudando a mellorar a calidade de vida dos cidadáns de Lugo.

Unha regulación suporía maior seguridade para os cidadáns no seu día a día. A libre colocación dos valos publicitarios infire nalgunhas ocasións un perigo para os veciños. Un monoposte debería estar a máis do dobre da súa altura de distancia do eixe da estrada, desta forma, se cae impediríase que algunha persoa resultase ferida. O monoposte localizado na nacional VI, na Cheda, non cumpre esta norma e supón un risco para os veciños. Este, é tamén un dos exemplos das estruturas que se atopan dentro dos terreos do Concello polos que non se percibe ningunha compensación económica, perdendo así unha oportunidade de recadar fondos.

Este tema tivo presencia en diversos plenos do Concello. Ciudadanos levou en varias ocasións mocións para esclarecer o tema, o PP presentou propostas para engadir na regulación que o Concello estaba a realizar, e, ningunha das tentativas dos grupos municipais foron suficiente para lograr acadar unha normativa. Entre as propostas dadas polos grupos municipais atopábase a de poñer cun prezo maior a publicidade dos centros deportivos, especificar cando e como habería que renovar o permiso dos valos e prohibir anuncios de carácter sexista que resulte denigrante, xa que nese momento no ano 2016 creouse unha polémica debido á instalación dun valo publicitario que anunciaba un club de alterne. Nese caso particular, foi a propia empresa publicitaria a que decidiu retirar o anuncio.

FEÍSMO URBANÍSTICO
A ausencia da normativa contribúe de maneira importante á multiplicación destas estruturas nos últimos tempos, acrecentando así o feísmo que supón para Lugo ao perturbar a paisaxe e a contorna. Desta forma os valos publicitarios súmanse aos esqueletos de edificios, casas en ladrillo ou galpóns sen rematar que dan unha imaxe pouco limpa e impiden a preservación do panorama.

O feísmo, urbanísticamente falando, é un termo que comezou a popularizarse nos anos 2000 en Galicia. Trátase do conxunto de construcións, obras e infraestruturas que degradan de modo algún a súa contorna.

En Lugo, debido ao seu gran número de valos publicitarios, o feísmo é palpable. Unha das súas mostras máis evidentes atópase na entrada á cidade pola Avenida de Madrid. Neste punto, catro valos publicitarios, tres con paneis ilexibles e un con tan só a estrutura, dan a benvida aos veciños e turistas que se achegan ao centro histórico por esta vía. Isto xera unha primeira imaxe da cidade negativa e deplorable, de descoidado e abandono.

Tendo en conta que o Patrimonio Histórico de Lugo é de gran valor, unha imaxe coidada sería de axuda e apoio para incrementalo e fomentar o turismo, a beleza da súa paisaxe e proporcionar aos cidadáns unha contorna coidada acorde aos múltiples lugares de encanto cos que conta a cidade amurallada.

O estado de abandono e degradación de moitas destas estruturas están a xerar un impacto visual negativo e ademais, supoñen un perigo para os veciños.

Zonas como a Avenida Infanta Elena de Lugo contan na actualidade con preto de 50 valos publicitarios que sorprenden a aqueles que coñecen o proxecto do Concello do barrio ecolóxico que comezou co edificio Impulsa Verde. Este, é a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España deseñado dende cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias para reducir a contaminación e combater o cambio climático. Este proxecto choca coa realidade da contorna chea de anuncios e propagandas que afean o lugar e presentan unha incoherencia coa base do proxecto.