Skip to main content
Lugo

A Deputación denuncia os danos causados na mostra ‘Galiza. Un pobo, unha selección’

Por 3 Febreiro, 2022Febreiro 4th, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo presentou ante a Policía Nacial a denuncia polos danos causados á mostra “Galiza. Un pobo, unha selección”, situada na Praza de San Marcos, que o pasado 19 de xaneiro amenceu con varios paneis cortados.

O Servizo Xurídico da institución provincial formalizou a denuncia tras recoller os datos precisos para documentala. Así, xuntáronse informes do Servizo de Seguridade, con información sobre as imaxes captadas polas cámaras no exterior do Pazo de San Marcos, e unha reportaxe fotográfica das lonas cortadas cunha valoración dos danos que se estiman en 1380 euros, máis os gastos derivados da desmontaxe e montaxe dos paneis.

A reposición das lonas cortadas levarase a cabo nos vindeiros días, unha vez conclúan os traballos de reimpresión.

Desde a Vicepresidencia da Deputación sinalan que o ataque non reduciu o interese da cidadanía na mostra, senón todo o contrario. E apuntan que nos últimos días decenas de persoas recolleron o catálogo e a revista que se editaron para difundir a mostra.

A exposición “Galiza. Un pobo, unha selección”, organizada pola plataforma Vía Galega coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, repasa a historia do deporte galego, afondando na participación de deportistas do país en competicións internacionais e reclama que Galicia compita con seleccións propias en competicións internacionais, como fan outras nacións como Gales ou Escocia.

A mostra permanecerá na Praza de San Marcos ata o 14 de febreiro, e iniciará logo unha itinerancia por Sarria, Monforte, Chantada, Vilalba, Viveiro, Foz, Ribadeo, Barreiros e Valadouro.