Skip to main content
Lugo

Lugo Job está a formar a máis de 830 lucenses de maneira presencial e online

Por 4 Febreiro, 2022Sin comentarios

Máis de 830 lucenses estanse a formar a través do Centro de Emprendemento municipal para mellorar a inserción laboral.

O Lugo Job é o novo plan de formación gratuíto deseñado polo executivo municipal co obxectivo de axudar a mellorar a empregabilidade dos e das lucenses e promover a súa inserción laboral a través da formación en competencias clave, coñecementos e capacitación.

A iniciativa enmárcase na estratexia de dinamización e reactivación económica que impulsa como resposta á crise da pandemia.

Actualmente, con este programa se está impartindo desde o CEI Nodus cursos presenciais, con 45 alumnos, e máis de 2.000 accións formativas, con 750 inscritos, ademais de outros obradoiros vinculados a outras liñas de acción.

A formación presencial está dirixida, exclusivamente, a persoas inscritas como demandantes de emprego. A selección dos candidatos realizouse a través do Servizo de Emprego e as persoas seleccionadas están a recibir unha bolsa formativa mensual, que se corresponde co 75% do IPREM. Os cursos que facilitan a obtención do Certificado de Profesionalidade finalizarán entre os meses de maio e xuño, mentres que os de Competencias Clave, cuxa primeira edición rematará entre xaneiro e marzo, terán unha segunda que se desenvolverá entre marzo e xuño.

Esta formación está adaptada ao horario e curso escolar, pois as sesións teñen lugar de 9:15 a 13:15 horas, e durante as datas nas que non hai clases nos centros educativos, como por exemplo no Nadal, Semana Santa, Entroido, etc., tampouco se imparte formación, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar dos e das participantes.

FORMACIÓN ONLINE

O outro piar no que se sustenta o Lugo Job, posto en marcha pola rexedora, é a formación online a través dunha plataforma de e-learning, á que se pode acceder a través da páxina web www.lugojob.es. A través desta ferramenta, púxose en marcha unha amplísima oferta formativa, que se vai actualizando mensualmente, ofertando ao longo de doce meses cursos relacionados con todas as familias profesionais e as competencias máis demandadas hoxe en día no mercado laboral.

En canto á demanda de accións formativas, a máis solicitada foi Coidados auxiliares de enfermería en residencias de persoas maiores, cun total de 89 inscricións. Con este curso, por un lado, fórmase de xeito gratuíto a persoas interesadas en desempeñar funcións nos centros de maiores, e que poderán ser contratadas, aínda que carezan de titulación, para cubrir baixas mentres dure a situación de pandemia; e, por outro, dar resposta a necesidade de persoal que existe na actualidade neste ámbito.

Síguelle o curso de Inglés básico, con 80 solicitudes, e o de Excel avanzado, con 58. No que se refire aos avances e progresos, un 48% dos alumnos xa superaron as probas de avaliación fixadas en cada acción formativa. É dicir, practicamente a metade das persoas inscritas xa están en disposición de recibir o seu correspondente diploma acreditativo.

O Servizo de Orientación Laboral do Concello de Lugo realizou unha prospección do mercado laboral para a selección dos cursos que integrarán a oferta formativa do Lugo Job. Os cursos realizaranse a través dun campus online, unha plataforma dispoñible as 24 horas do día, todos os días da semana, para maior comodidade do alumnado. Ademais, pódese acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tablet ou móbil.