Skip to main content
Lugo

O músico David Taboada será o pregoeiro do Entroido de Lugo

Por 7 Febreiro, 2022Sin comentarios

O pregoeiro do Entroido de 2022 será o músico David Taboada. Encargarase de dar comezo á celebración do Entroido, nun pregón que se celebrará por primeira vez fóra do salón de plenos do Concello, facilitando a participación da veciñanza no inicio das festas do entroido.

A Praza Maior será o lugar no que dará comezo esta edición do entroido, que debido á mellora da situación sanitaria recuperará a actividade presencial despois de que o ano pasado as actividades fosen telemáticas para garantir a seguridade da veciñanza.

O Entroido 2022 comezará o vindeiro venres 24 de febreiro co Pregón. Nos vindeiros días anunciaranse todas as actividades que darán forma á programación cultural para os días de entroido.

CONCURSO DE FERRETES DE ENTROIDO

A área de Cultura e a Asociación Pepe Barreiro veñen de abrir o prazo para participar na 17 edición do Concurso de Ferretes de Entroido. Os ferretes poderán presentarse ata o 16 de febreiro nas oficinas da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, e a organización entregará premios por valor de 830€ en total.

BASES CONCURSO

A asociación “Pepe Barreiro” de Lugo, con motivo da celebración do próximo Enterro da sardiña o día 4 de marzo 2022, venres, convoca o 17º concurso de ferretes “Entroido 2022”. No que poderán participar calquera cidadán ou cidadá, sen límite de idade. Os ferretes deberán estar escritos en lingua galega e o seu contido fará referencia a acontecementos de actualidade local, provincial ou galega. Primarán a orixinalidade, o enxeño, a crítica e mesmo o escarnio, no tratamento das temáticas social, política, cultural, deportiva, etc. O retrouso (estribillo), que se irá repetindo entre estrofa e estrofa, terá que ser unha estrofa de catro versos heptasílabos e os ferretes recitados, como mínimo de catro e máximo de seis versos. Quedarán eliminados os textos e autores dos que teña coñecemento algún membro do xurado antes da reunión para o ditame do concurso.

Os traballos entregaranse na Delegación de Cultura do Concello de Lugo dende o día 26 de xaneiro ata as 14 horas do día 16 de febreiro de 2022 nun sobre dirixido á Asociación “ Pepe Barreiro”, no que figurará como remitente un pseudónimo. Dentro do sobre grande, e acompañando o traballo, meterase outro sobre máis pequeno cos datos persoais (nome, apelidos, enderezo, correo electrónico e teléfono de contacto). No sobre pequeno tamén se escribirá por fóra o mesmo pseudónimo que figure no grande. Reservarase a identidade do autor para protexer a súa liberdade de redacción.

O xurado estará formado por cinco membros da Asociación “Pepe Barreiro”. Os seudónimos dos premiados faranse públicos antes da lectura dos ferretes no palco montado para tal efecto. A presentación aos premios desta convocatoria supón a aceptación plena das súas bases.

PREMIOS

O retrouso estará premiado con 150 euros, o primeiro premio será de 100 euros, o segundo premio de 50 e o terceiro de 30 euros. Ademais, haberá 17 premios cada un de 10 euros.

Ademais destes premios o xurado poderá conceder, se o considera conveniente, accésits dotados con 10 € cada un.