Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo ofrecerá máis de 40.000 menús dentro do servizo Xantar no Fogar

Por 8 Febreiro, 2022Febreiro 9th, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo, a través da área de Benestar Social, ofrecerá en 2022 até un total de 41.691 menús dentro do servizo de Xantar no Fogar que elevará a súa consignación até os 210.423 euros anuais.

Este orzamento incrementa en máis dun 144% o da licitación anterior (86.000 €), logo do crecemento da demanda que trouxo consigo a crise sanitaria.

Actualmente, ao redor dun cento de persoas se benefician desta prestación municipal da que, agardan, poder ampliar aínda máis a súa cobertura co obxectivo de atender os novos tipos de dependencia que ocasionou a pandemia, que fixo agromar carencias non só económicas senón tamén de coidados e alimentación.

Así, este próximo mércores, a Xunta de Goberno adxudicará o contrato á empresa Alimentación Saludable Gallega S.L que presentou a oferta máis vantaxosa dentro da que se inclúen, todas as melloras recollidas nos pregos e coas que pretenden acrecentar a capacidade e que esta se traduza, tamén, nunha maior calidade de vida para todas e todos os usuarios do programa.

A nova licitación aumenta a variedade de dietas con catro novas opcións: vexeteriana, vegana, sen carne de porco e sen carne de vaca; a rotación dos menús será cada 6 semanas no canto das 3 que se facía agora e se entregarán tres veces á semana, en lugar dos dous días de reparto que estaban establecidos até o momento. Cada beneficiario/a recibirá ademais un litro de leite e outro de zume de froitas á semana e disporán de 4 novas neveiras para poder cederlles a aquelas familias que non teñan outra maneira de garantir a conservación dos alimentos que se lles entregan.

A empresa encargada de prestar o servizo municipal preparará cada mañá os pratos de todas e todos os comensais, respectando as indicacións sanitarias que recolle o seu historial clínico.

Manténdose sempre un estrito control sobre a elaboración e a calidade dos ingredientes que deben combinarse dun xeito saudable respectando as pautas médicas que figuran no expediente de cada beneficiario.

Con relación ao perfil maioritario das e dos usuarios, en torno ao 60%, son mulleres, maiores de 65 anos, que viven soas e ás que, logo do confinamento obrigado que impuxo o Estado de Alarma, a permanencia do COVID as mantén nun illamento aconsellable ante o risco de contaxio.

No Concello de Lugo hai 5.000 persoas maiores de 65 anos que residen soas nas súas vivendas e sobre as que, dende a área de Benestar, se realiza un seguimento continuado co fin de informalos dos recursos que teñen á súa disposición en función das necesidades que presenten e que inclúe tanto a súa manutención, cunha dieta equilibrada e acorde ao seu estado de saúde, como a axuda para a realización das tarefas domésticas, a dinamización sociocultural específica e mesmo o acompañamento telefónico para evitar a súa exclusión ou illamento social.