Skip to main content
Lugo

Xuvenciencia busca normalizar o galego como lingua de divulgación científica nas aulas

Por 9 Febreiro, 2022Sin comentarios

O grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC XuvenCiencia aposta por normalizar o galego como lingua de divulgación científica nas aulas de alumnado preuniversitario a través da adaptación/tradución do proxecto ‘Ciencia-me un cuento’, unha iniciativa promovida pola Sociedade de Científicos Españoles do Reino Unido co apoio da Fundación Lilly que está estruturada en diversos relatos de temática científica adaptados ao público escolar que só está accesible en inglés e castelán.

O volume ‘Ciencia-me un cuento’ compila contos nos que a ciencia e a investigación son as protagonistas de historias próximas que permiten aos lectores descubrir un universo cheo de posibilidades. A temática destes relatos, narrados por nenas e nenas de ensinanza primaria, é diversa e abrangue desde o método científico, a contaminación mariña ou, entre outros, a doenza do Alzhéimer.

Os contos incluídos neste libro representan unha escolma dos traballos presentados en Reino Unido ao concurso de relatos científicos ‘Ciencia-me un cuento’. “Son relatos que proceden de distintos recunchos do mundo e que avivan a curiosidade científica e cultural dos seus lectores”, explica a investigadora da USC e integrante de XuvenCiencia Paula Rodríguez Villamayor.

A profesora do departamento de Química-Física da facultade de Ciencias da Mercedes Novo Rodríguez, considera que o proxecto ‘Ciencia-me un cuento’ encaixa “perfectamente” coa filosofía de XuvenCiencia no que se refire á súa vontade de trasladar a indagación científica ás aulas de ensino preuniversitario desde unha abordaxe tanxible e experimental.

Daquela e para avanzar neste cometido, Novo Rodríguez avanzou a intención de XuvenCiencia de buscar a colaboración da Sociedad de Científicos Españoles en el Reino Unido e do Servizo de Normalización Lingüística da USC para traducir ao idioma galego os contidos de ‘Ciencia-me un cuento’ e levalos así os centros escolares de Galicia.