Skip to main content
Lugo

Comezan as obras de humanización en Paradai

Por 10 Febreiro, 2022Febreiro 11th, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo humanizará Paradai coa creación dunha nova área de descanso na confluencia das rúas Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaverio.

Este mércores comezaban os labores para executar a intervención, coa sinalización dos traballos nos que se investirán 48.373 euros.

A actuación, coa que se pretende rexenerar este barrio da capital, se concretará coa creación dun pequeno percorrido peonil circular, cunha traza en planta semellante a un oito, e disporá dun banco continuo da mesma forma. Este conxunto encerrará unha gran árbore cuxa misión será a de proxectar sombra sobre a superficie de asento. Igualmente contará con iluminación indirecta para achegar calidez nocturna ao espazo reformado.

O prazo de execución das obras será de tres meses.

Nos próximos días procederase a retirar o pavimento existente para crear unha nova zona verde e, a continuación, cimentarase a estrutura prevista co perfil específico e acometerase o muro de formigón curvado e o banco continuo que terá ao redor de 29’50 metros de lonxitude. O asento estará revestido dun laminado compacto decorativo de alta presión.

Toda a superficie exterior ao mobiliario exposto dentro da zona de actuación converterase nun manto de céspede ornamental e a área interior que pecha o muro acollerá un xardín que terá como protagonista principal unha gran árbore, ademais de dotar a parcela – de 134’22 m² – de iluminación led no perímetro do mobiliario alén de con balizas e luminarias empotrables.

Trátase dunha actuación que pretende dar resposta ás demandas veciñais que trasladaron o seu interese por dispoñer dun punto común de encontro. De maneira que, ao tempo que posibilita a socialización, axuda a mellorar, tamén, a súa imaxe dentro do conxunto da cidade atendendo, polo tanto a un triple obxectivo: urbanístico, social e de servizos que vai en consonancia co resto de accións que están levando a cabo noutros barrios da capital sempre co obxectivo de incrementar a súa habitabilidade e confort para a poboación.