Skip to main content
Lugo

O aparcadoiro do Centrad abre ao público

Por 12 Febreiro, 2022Febreiro 13th, 2022Sin comentarios

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Tenencia de Alcaldía-Concello de Lugo anunciaron a apertura á veciñanza do aparcadoiro do Centro de Artesanía e Deseño, localizado na rúa Chantada.

Este espazo, ata agora de acceso restrinxido para persoal da Deputación de Lugo, abrirá ao público a partir desta tarde e ofrecerá preto de 40 novas prazas de aparcamento a cen metros da porta de Bispo Odoario, na Ronda da Muralla.

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, agradeceu á “Vicepresidencia da Deputación de Lugo que levara adiante a petición da área de mobilidade do Concello de Lugo de abrir este aparcadoiro, a carón da entrada do casco histórico, para uso dos veciños e veciñas de Lugo” e sinalou “que ferramentas como estas facilitan que a xente poida deixar o seu vehículo fóra da muralla e avanzar na redución e no calmado do tráfico tanto no casco histórico como na contorna da Muralla”.

O deputado Efrén Castro explicou que “a apertura deste espazo á veciñanza supón unha optimización do uso deste espazo público xa que en horario de tarde e nas fins de semana apenas tiña actividade” e “contribúe a que a veciñanza de Lugo, pero tamén as persoas que veñen de fóra da cidade e empreguen este aparcadoiro, coñezan e accedan con facilidade ao Centro de Artesanía e Deseño e ao espazo expositivo da Capela de Santa María”.

HORARIOS

O aparcadoiro estará aberto ao público en horario de 15:30 a 22:00 horas, de luns a venres, e de 10:00 a 00:00 horas, os sábados e domingos.

A apertura ao público é así compatible co uso por parte do persoal que traballa no Centro de Artesanía e Deseño, en horario de mañá, salvo en situacións puntuais. O uso por parte da veciñanza tampouco afecta ao espazo reservado para vehículos da Policía Nacional.

O aparcadoiro do Centrad incorporase así á rede de aparcadoiros disuasorios municipais para que a veciñanza faga un uso máis responsable do coche e será o único que conte con seguridade 24 horas.

O horario de apertura coincide cos do aparcadoiro do Seminario Menor, que xa abriu o goberno municipal.