Skip to main content
Lugo

Así foi a presentación do libro ‘Árbores e formacións senlleiras da contorna dos Ancares e do Courel’

Por 15 Febreiro, 2022Sin comentarios

O deputado de medio ambiente, José Luis Raposo, e a deputada de réxime interior, promoción do territorio e turismo, Pilar García Porto, participaron este luns no acto de presentación do libro Árbores e formacións senlleiras da contorna dos Ancares e do Courel elaborado por José Gaspar Bernández, doutor en Investigación Agraria e Forestal, e Antonio Rigueiro, catedrático da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (USC), co que colaborou a Deputación de Lugo. Ao evento, que tivo lugar no salón de actos do Pazo de San Marcos, tamén asistiron representantes de colectivos que traballan neste territorio, así como público xeral interesado na publicación.

Raposo loou o traballo feito polos autores do libro e resaltou o apoio que a Deputación fai coa Universidade de Santiago, unha colaboración que é moi diversa e abarca moitos ámbitos. Un bo exemplo é a publicación desta obra que evidencia esta colaboración que “facemos porque estamos convencidos de que a aposta polo coñecemento é unha ferramenta fundamental para impulsar o desenvolvemento da provincia”. Subliñou que “a Deputación é a institución provincial que máis fondos aporta a unha universidade pública en España, dende o convencemento de que por cada euro que se inviste nunha universidade pública hai un retorno de 4,3€”, e puxo de manifesto casos de éxito como o traballo que se desenvolve de maneira conxunta na Granxa Gayoso Castro ou o labor da Estación Científica do Courel.

“Dado o carácter rural da nosa provincia, a colaboración coa Universidade ten unha especial incidencia en sectores como o primario, o estudo do medio ambiente e o deseño de iniciativas de futuro para o rural”, subliñou o titular de Medio Ambiente. Explicou que esta monografía se enmarca na liña dos traballos da posta en valor do patrimonio cultural. “Lugo ten máis dun 80% da súa superficie incluída en Reservas da Biosfera recoñecidas pola UNESCO”, lembrou ao exemplificar que “o medio ambiente é un valor en si mesmo, un patrimonio herdado que temos que legar aos nosos fillos”.

Nese sentido, o deputado puxo o foco en que “unha árbore senlleira é, desta forma, o mesmo que un Ben de Interese Cultural, un monumento da natureza que hai que coñecer, protexer e coidar”. “Unha árbore fálanos de si mesma, do clima e da contorna na que se desenvolveu porque foi testemuña da historia das comunidades humanas que viven ao seu redor”. Recalcou que “máis alá do seu valor estético ou agrícola, unha árbore singular é hoxe tamén un elemento moi atractivo para impulsar o desenvolvemento dunha zona, por exemplo, con rutas turísticas. Se conservamos as árbores, estaremos conservando as comunidades, limpando os bosques e axudando a fixar poboación, e a conservación destas árbores fala do noso compromiso co medio ambiente e co futuro do noso rural”.

A OBRA
Árbores e formacións senlleiras da contorna dos Ancares e do Courel inclúese nas Monografías do IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural), no marco da serie Cadernos da Estación Científica do Courel que edita a Universidade de Santiago de Compostela. Céntrase no estudo das árbores e formacións senlleiras das serras dos Ancares e do Courel e da súa contorna, un patrimonio natural que se debe conservar e tamén por en valor, pois constitúe un atractivo turístico máis desta comarca que é xenerosa en valores naturais. Despois de analizar o que se entende por “árbore” ou “formación senlleira”, a publicación aborda o papel dos monumentos vexetais destas serras e da súa contorna ao longo da historia da catalogación dos mesmos en Galicia.

Así mesmo, ofrécese información detallada das 12 árbores/formacións incluídas na actualidade no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, dúas das cales foron recentemente descatalogadas, e tamén doutras 8 que se consideran merecentes de formar parte do catálogo, 3 das cales xa foron propostas. No último apartado inclúense 16 exemplares non documentados ata o momento, como sinal inequívoca de que cun traballo de campo máis exhaustivo novas árbores e formacións senlleiras serían atopadas nestas serras.