Skip to main content
Lugo

O PP presentará unha moción no pleno en apoio aos xubilados fronte aos agravios da banca

Por 17 Febreiro, 2022Sin comentarios

A banca está empeñada en consolidar un novo modelo de relación cos clientes no que, moitos dos usuarios, quedan descolgados, por distintos motivos, e, ademais, teñen que facer fronte a considerables incomodidades para a xestión das súas contas e intereses. Entre os máis prexudicados polos cambios nas dinámicas bancarias en relación cos clientes están as persoas máis maiores.

A asociación de xubilados de Lugo leva a cabo distintas iniciativas para forzar á banca a revisar moitas das medidas que aplica dende hai xa algún tempo. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, anuncia que “o grupo provincial do PP defenderá unha moción no próximo pleno, a petición da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo”. É unha iniciativa na liña do apoio prestado nestes últimos días a esta asociación, “fronte aos agravios que a banca está a facer ao colectivo de xubilados (non só a eles), ao que está obrigando a efectuar xestións telemáticas, dixitais, e a longas esperas na rúa, acoutándolles o tempo de atención ao público”. Os populares din que os xubilados están sufrindo agravios por parte da banca que non son admisibles.

No PP ven algúns cambios na banca, a mellor, pero cren que aínda se quedan cortos e consideran que o cambio ten que ser moito máis completo, en todas as entidades Castiñeira sinala: “Vemos moitisimos problemas nos concellos máis pequenos, nos que están desaparecendo as entidades bancarias e nos que están obrigando aos nosos veciños, especialmente ao colectivo de xubilados, a buscar outras alternativas, a pedir axuda a familiares para facer algunhas operacións; son medidas que van en contra da autonomía dos nosos maiores”.

Castiñeira destaca: “Se queremos ter xente no rural, se pretendemos que a xente siga vivindo onde naceu, todos temos que poñer da nosa parte, incluída a banca, que foi axudada cando o necesitou por parte do Estado, é dicir, de todos os españois, e agora non pode coaccionar como o está a facer cos clientes, baixo uns réximes establecidos única e exclusivamente por estratexia empresarial: isto debe cambiarse”.